OurenseSen categorizarÚltima hora

O concurso “Youtubeir@s” fomenta o uso do galego nas redes sociais

Ourense e outros dez concellos, xunto coas universidades galegas, levan a cabo esta iniciativa dirixida á poboación xeral maior de 14 anos e na que tamén hai cursos de formación  
Mónica Valencia, Belén Iglesias, José María Failde e Pablo Cabral.

A palabra “youtuber” é un termo moi novo que vén asociado á actividade que a xente ten nesta rede social. Os denominados “youtubers” son aquelas persoas que fan contidos e logo sobenos a este espazo da internet. Tal é a fama que está a coller esta actividade que os concellos de Ourense, A Baña, A Coruña, Ames, Carballo, Mazaricos,Pontevedra, Ribadeo, Santiago de Compostela, Teo e O Grove, así como as universidades de Santiago de Compostela, Coruña e Vigo, crearon o concurso “Youtubeir@s”, cuxo obxectivo é fomentar a creación de contidos audiovisuais en lingua galega neste espazo.

O certame consta de dúas categorías. Por unha banda está “vídeo-facermos”, na que os participantes poden subir tutoriais nos que expliquen ou conten os seus saberes. Por outro lado está “vídeo-opinarmos”, que abrangue todos os vídeos de opinión sobre algún libro, película, tema de actualidade… . A campaña está dirixida á poboación xeral a partir dos 14 anos. No caso de seres menor de idade, os participantes deberán achegar unha autorización por parte dos pais ou titores legais para poder participar. O prazo de inscrición é até o 28 de abril.

Ademais, para a creación de contidos, tanto o Campus de Ourense como o centro de innovación La Molinera ofertarán accións formativas. Estes cursos consisten en aprender a usar os programas de edición. Os do Campus serán no salón de graos do 7 ao 14 de febreiro e os da Molinera do 10 ao 17 de febreiro. Os cursos comezarán ás 18:00 horas e terán unha duración de tres horas. Os cursos contan con 20 prazas. A formación pode ampliarse segundo a demanda.

Os dous mellores vídeos recibirán un premio, cada un, de 1.000 euros e haberá catro mencións de 500 euros. “Onde se valorará a creatividade, eficiencia comunicativa, calidade técnica e calidade lingüística”, informou a técnico de Cultura do Concello, Mónica Valencia.

Na presentación desta mañá, a concelleira de Cultura do Concello de Ourense, Belén Iglesias, asegurou que dende o seu departamento “seguimos a apostar pola creación e dinamización cultural a todos os niveis” e por iso sumáronse a esta iniciativa. Iglesias resaltou que isto é un “punto fundamental” para camiñar cara un Ourense máis vivo e activo.

Pola súa banda, o director de Planificación do Campus de Ourense, José María Failde, asegurou que esta campaña é relevante posto que “Youtube, a pesar de iniciar a súa actividade en 2005, xa ten uns mil millóns de usuarios, isto vén sendo un terzo da xente que utiliza internet”, cifrou. Polo tanto, o director asegurou que introducir a lingua galega nesta rede social é “algo moi relevante”. Finalmente, insistiu na “obriga moral” das institucións de promover e normalizar o galego con accións proactivas como esta. Neste senso resaltou a importancia de introducir a lingua de Rosalía tanto “nas relacións persoais dos máis mozos” pero tamén no ámbito das novas tecnoloxías como internet ou a mensaxería instantánea, xa que “son nativos dixitais”, asegurou.

Artigos relacionados

Back to top button