
O Concello de Viana do Bolo vén de constituír nesta semana o xurado que elixirá o Cartel do Entroido 2020 e da 50 Festa da Androlla. Del forman parte “recoñecidas personalidades relacionadas co mundo das artes plásticas”.
Así entre os seus membros está o ourensán Xosé Lois González Vázquez “O Carrabouxo”, recoñecido e premiado debuxante galego, que recibiu entre outros recoñecementos a “Medalla Castelao” no 2008 e o premio “Bo e Xeneroso” da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no 2013. O “Carrabouxo” consegue, coas súas caricaturas, reflexar a retranca e a ironía típica dos/as galegos/as.
Tamén figura como integrante do xurado Mónica Alonso López, doutora en Belas Artes pola Universidade de Vigo. Leva traballando como artista plástica dende 1994 realizando múltiples exposicións individuais e colectivas tanto en Galiza como internacionais. Recibiu numerosos premios e Bolsas de creación. Destaca a exposición que o CGAC lle dedicou en 2003.
No xurado estará tamén Mercedes Vázquez Saavedra, fotógrafa e escritora cuxas exposicións están moi ligadas ao mundo rural, das mulleres e das máscaras tradicionais.
O xurado procederá a elixir o traballo ganador deste certame vianés nos próximos días.