SanidadeÚltima horaVídeos

O Día Mundial da Dor adícase neste 2023 á importancia dos coidados integrativos non farmacolóxicos no tratamento

O exercicio físico, a nutrición, o termalismo ou as prácticas que procuran a harmonía, como a meditación, a musicoterapia ou o ioga, combinadas con terapia permiten mellorar todas as esferas da dor do paciente

Luz Cánovas, responsable da Unidade da Dor do Hospital Universitario de Ourense./ Cedida.

 

Coincidindo coa conmemoración neste 17 de outubro do Día Mundial da Dor, a Unidade da Dor do Hospital Universitario de Ourense, súmase na posta en valor dos coidados integrativos no seu tratamento, para unha abordaxe integral que vele tanto polo estado físico como emocional dos pacientes.

A responsable da Unidade da Dor de Ourense, Luz Cánovas, subliña que tratamentos non farmacolóxicos, como o exercicio físico, a nutrición ou as prácticas mente-corpo, que procuran a harmonía, como a meditación, a musicoterapia ou o ioga, combinadas con terapia “nos vai permitir mellorar todas as esferas da dor do paciente”.

A Unidade da Dor pon así en valor algunhas das iniciativas que se están a desenvolver tanto na propia unidade, como a acupuntura, como desde Atención Primaria, por medio da súa intensa actividade comunitaria, que inclúe iniciativas de fomento do exercicio físico, cursos e talleres de nutrición e bos hábitos alimenticios, da man dos novos equipos de nutricionistas, así como numerosas actividades promovidas desde o Servicio de Humanización e Atención ao Paciente, por medio de convenios de musicoterapia, de actividades lúdico deportivas no Paco Paz, nas Hortas municipais ou na propia cuberta saudable do Hospital Universitario.

Luz Cánovas fai un chamamento a sensibilizar a administracións, profesionais sanitarios e aos propios pacientes, a ter en conta o importante que son estes coidados integrativos, individualizando estes á medida das necesidades de cada paciente, para mellorar todas as esferas da vida do paciente con dor, para dar unha resposta integral.

Termalismo na terra da auga

Nos últimos anos estes coidados están a ser máis valorados e desenvolvidos no marco da atención aos pacientes paliativos ou con dor e cancro, pero desde as sociedades profesionais de atención a dor, e desde a unidade de Ourense en particular, destácase as vantaxes de cara á dor musculo-esquelético e, tendo en conta a riqueza termal da provincia, propón ter en conta o termalismo, así como as terapias de calor e frío.

 

 

Mil pacientes ao mes e medrando

A Dor Crónica, aquela que se mantén no tempo durante ao menos tres meses, ascende ao 21% da poboación en Ourense, fronte ao 18% habitual no conxunto do estado, posiblemente debido ao envellecemento. En resposta a esta realidade a Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras conta cunha canle directa, para que os profesionais de atención primaria podan pedir unha interconsulta, evitando traslados ou desprazamentos aos pacientes, que cando o precisan poden ser derivados directamente á Unidade da Dor, decana en Galicia e unha das tres primeiras do país que, ademais, conta cunha carteira de servizos de tratamentos e técnicas completa.

Esta medida de coordinación, entre os especialistas de Primaria e Hospitalaria, permite unha atención máis áxil, daqueles pacientes que non responden aos tratamentos e primeira atención desde os Centros de Saúde, nivel asistencial clave, desde a que se atende e resolve a maioría destes casos.

A Dor Crónica xera na Unidade de Ourense unha media de mil consultas ao mes, delas, as máis frecuentes son producidas por dor crónica causada por lumboartrose, artrose de cadeira ou xeonllo ou cervico artrose, moi prevalentes na idade avanzada, e máis na muller, perfil tipo da maioría de pacientes da Unidade da Dor, na que tamén hai unha porcentaxe de pacientes derivados polos Servizos de Oncoloxía, Uroloxía ou Cirurxía.

Vídeo: Cedido.

Artigos relacionados

Back to top button