SanidadeÚltima hora

O Encontro de Verán de Asomega centrarase na homenaxe ao médico rural

 

A Asocación de Médicos Galegos (Asomega), que preside o neumólogo trivés Julio Ancochea, volverá reunir este ano aos seus socios e amigos nunha das citas tradicionais da asociación, agora organizada baixo o formato de “Encontro de Verán”. Será “unha oportunidade para achegarnos aos profesionais dunha zona concreta, Allariz neste caso, para render homenaxe á figura do médico rural e para reencontrarnos”, explican dende a asociacióin. José Manuel Solla, médico de Atención Primaria en Allariz e presidente de SEMG Solidaria, e Inmaculada Ramos, vicepresidenta de Asomega e directora do Distrito Sanitario de Monforte de Lemos, son os organizadores do evento.

O encontro está previsto para o vindeiro 5 de agosto na Casa da Cultura de Allariz a partir das 12:30h. O programa encetarase cunha intervención de Roberto Fernández Álvarez, que fará unha breve introdución ao seu libro “Enfermos pobres, médicos tristes”.

 

 

 

A continuación, o propio José Manuel Solla presentará a película que escribiu e produciu hai uns anos sobre a historia dun médico rural, “Xanelas no corpo”, acompañado do seu director, Gonzalo G. Palmeiro. Despois José Manuel Lage, director e promotor do Museo do Médico Rural de Maceda, exporá brevemente en que consiste o seu proxecto. Do pasado da medicina de Familia na contorna rural, ao presente máis actual da man de Cristina Margusino, que presentará o vídeo do Equipo de AP de Xinzo de Limia -do que ela foi responsable- que foi premiado no recente Congreso Mundial de Medicina Rural celebrado en Irlanda. Acompañaraa María José Feijóo, coordinadora de Enfermería.

Finalmente darase paso á homenaxe personificada en dous médicos de Allariz que exerceron alí toda a súa vida e aos que se garda un enorme agarimo na zona: José Rivera e Pepe Oro, cuxos familiares, que viven na citada vila, recibirán no seu nome o recoñecemento de todos os presentes. O propio Solla explica que se trata de dúas figuras que están “na memoria colectiva de toda persoa maior de aquí. Foron personaxes moi emblemáticos, ben formados para a época e cunha gran bagaxe humanística”.

Artigos relacionados

Back to top button