Moi satisfeitos regresaban os atletas do Club Adas Proinor do Campionato de Galicia de Clubs en pista ao aire libre, que se celebraba o 21 de abril no estadio vigués de Balaídos. Destacaba o cuarto posto logrado polo equipo feminino valdeorrés con 91 puntos, nunha clasificación liderada polo Celta, seguido do Ría de Ferrol Arenal e da Sociedade Ximnástica de Pontevedra.
Do conxunto da actuación feminina sobresaían o primeiro posto de Sandra Mosquera nos 1.500 m, o segundo de Ana María Pajarrón nos 400 m valados e de Inés Oitavén nos 400 m e os terceiros de Sonsoles Martín nos 3.000 m e de Raquel Lameiro no triplo salto. Na categoría masculina o equipo do Adas sitúabase sétimo por clubs e destacaba a vitoria de Alejo Ares nos 3.000 obstáculos.
“Estamos moi contentos cos resultados, seguimos manténdonos a nivel galego e iso é moi importante, tendo en conta ademais que fumos cun equipo moi minguado polas baixas, por xente con lesións e porque tamén coincidiu co campionato universitario e tivemos atletas que marcharon a competir aí”, sinala Agustín González, presidente do Club Adas.
Fotos: Club Adas Proinor.