CulturaCulturaEntroido 2023Última hora

O espírito das comparsas nas aldeas de Viana do Bolo

Artigo de Pedro Basalo Bembibre

 

O mellor remedio contra o aburrimento é non perde-la capacidade de sorprender(se), xa que, cando algo se volve monótono, faise tedioso. Esa premisa da sorpresa é o fundamento das comparsas do Entrudio de Viana do Bolo: cada ano hai que valerse de orixinalidade e enxeño pra facer un espectáculo que consiga cativa-lo público.

Así e todo, unha manifestación que levanta tantas paixóns nunca deixa de estar rodeada de polémicas. Lembro o rebumbio que suscitou o feito de que, na recuperación das comparsas do 2019 (despois duns 25 anos sen saíren), se incorporasen instrumentos musicais como o baixo e a guitarra eléctrica. Mais nisto o xuízo dos máis veteranos das comparsas foi esclarecedor: o que se poida levar pra garantir un espectáculo mellor debe ser levado, tanto dá se atinxe ós brindes, ós cobres, ós traxes, ó atrezzo

Inda que pareza mentira, mirar cara ó pasado, á parte dun recoñemento prá nosa xente (ó continuarmos un legado que, máis que material, é emocional), tamén pode ser unha forma de renovación. Non hai máis que reparar na vestimenta dos de esquilas da comparsa deste 2023, que é ben distinta respecto da que estamos acostumados. Recuperar esta indumentaria tiña como finalidade, alén de sorprender, outros dous propósitos.

 

Detalle do traxe dos de esquilas // Fotografía cedida.

 

O primeiro é renderlles unha homenaxe ás comparsas de antes. Había máis de medio século que non saían vellos de esquilas con camisetas bordadas, diferentes das de cintas. Antigamente, o deseño das camisetas era o segredo mellor gardado da comparsa; facíanse novas de ano en ano e, nalgunha ocasión, ante a escaseza de materiais, chegáronse a decorar con hedras ou fabas pintadas (emulando abelorios). Por outra parte, o detalle de colocar fotografías ou postais nos carapuchos dos mazcarados tamén é unha tendencia que quedara atrás no tempo. Non imaxinan ata que punto é ilusionante revivir miudezas como estas porque, ademais de teren un compoñente emotivo, outórgannos prestixio como continuadores lexítimos da tradición.

 

Comparsa de Seoane de Arriba (1965) // Manuel Blanco Estévez, “Lel”

 

O segundo motivo pra rescatar estes traxes do esquecemento é pór de manifesto que as cousas non sempre foron como as coñecemos hoxe; basta con revisar algunhas fotografías pra comprobar que o Entrudio evoluciona, pero tamén que no pasado había unha diversidade que non se debe perder. O esencial é concienciar de que existen distintas tradicións segundo as aldeas e que ningunha é mellor cá outra, que son diferentes. De feito, todo elemento popular se resiste á uniformización porque, ata non hai moito, cada persoa facía as cousas como podía e co que tiña a man (sempre dentro do respecto pola tradición herdada).

 

Comparsa das aldeas de Viana do Bolo (2023) // A. Ortiz

 

No que atinxe ó léxico, hai diferentes expresións pra referirse á mesma figura: vellos de esquilas, os de esquilas, mazcarados etc. Cada zona tiña un xeito de lles chamar a estes personaxes, o que non quere dicir que na mesma localidade non puidesen coexistir varias denominacións. Maioritariamente, en Seoane de Arriba e Solbeira dicíase vellos de esquilas, nas aldeas da ladeira dende Umoso ata Rubiais falábase de mazcarados e no resto das poboacións da Chaira usábase homes de esquilas, os de esquilas ou esquileiros, que son as fórmulas máis estendidas e seguramente as que se acabarán xeneralizando. En calquera caso, é bo que todos estes nomes sigan vivos porque falan de nós, da identidade de cada aldea, e enriquecen o conxunto. Peor sorte correu a palabra faroleiros, que non se transmitiu ás xeracións seguintes, inda que algúns dos veciños máis vellos acordan escoitárllela ós seus maiores.

Infelizmente, o Entrudio actual tende a homoxeneizar, a que todos fagámo-lo mesmo; fronte a esa extinción da diversidade, hai que reivindicar que cada sitio se manteña fiel ó seu e que non imite o dos outros. Nos matices únicos de cada lugar refúxiase un anaquiño do noso xenoma cultural, que é o que nos permite comprender e explica-lo que somos hoxe, por iso ningunha información do Entrudio nos debe ser allea. Un deses cachiños é a comparsa. E é fermoso constatar que, por moito que pase o tempo, só cambia a aparencia, pois o espírito das comparsas segue sendo o mesmo. Será que esa emoción transmitida é a que fai verdadeiramente grande unha tradición.

Artigos relacionados

Back to top button