Eleccións municipais 2023PolíticaÚltima hora

O ex boxeador uruguaio Alfredo Evangelista, membro da lista de Carballeda Renova, en Valdeorras

 

Esta tarde chegaba a Valdeorras o coñecido ex boxeador internacional Alfredo Evangelista, que forma parte da candidatura coa que Carballeda Renova concorre ás vindeiras eleccións municipais en Carballeda de Valdeorras. Numerosas persoas parábanse ao coincidir con el no Barco para facerse fotografías co ex deportista. Xunto a el ía o cabeza de lista da candidatura, José Antonio Iglesias, e outros membros da lista. Tomaban uns pestiscos en El Manjar, mentres na televisión do local poñían o seu combate co mítico Muhammad Alí en 1977, no campionato mundial dos pesos pesados.

Pero, ¿como é que este ex boxeador uruguaio chegou a formar parte desta lista de Carballeda Renova? “José Antonio (Iglesias) é amigo meu dende hai moitos anos, hai moito que nos coñecemos, pediume este favor e nin o pensei, incorporeime coa intención de que se cambie un pouco a situación en Carballeda e que polo menos conten con el”, explicaba en declaracións ao Periódico O SIL.

Evangelista tamén aseguraba que “os proxectos que plantexa José Antonio para Carballeda van por bo camiño e espero que se cumpra o que el plantexa. E por iso estamos aquí, para pedir un voto máis para realizar todo isto”.

 

Alfredo Evangelista saudando ao senador socialista Miguel Bautista, con quen coincidía nun establecemento do Barco./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Como deportista de carácter internacional que foi pensa que actualmente o nivel no boxeo en España é “moi malo, pode haber que rapaces que sexa bos, pero tampouco teñen paciencia, este deporte resulta moi sacrificado, moi duro. Aquí é pegar e que non che peguen. A xente agora criouse doutra maneira, eu fun boxeador polas circunstancias porque faltaba a comida en casa, pasabamos dificultades, e víñenme para España porque me saíu un contrato e ao ano conseguín traer á miña familia”, lembra.

Preguntado sobre a súa etapa no cárcere, comentaba que foi “un erro, o pasado non se pode cambiar, pero foi unha experiencia que me serviu para aprender, e que quedou atrás”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button