En portadaÚltima hora

O Festival Internacional de Curtas de Verín ábrese resaltando o estreito vínculo entre cine e música

O trío Caspervek musicalizaba o filme "The cameraman" na praza Maior da vila no acto inaugural da mostra

 

A relación tan estreita que une música e cinema ten sido un dos fíos condutores do Festival Internacional de Curtas (FIC) Vía XIV de Verín dende o seu inicio. E nese aspecto volve incidirse na apertura da súa sétima edición, que tiña lugar esta tardiña na praza Maior da vila. “Este ano, quixemos enfocar o propio acto de inauguración do certame pondo en valor esta unión de música e imaxe e por iso contamos co trío Casperverk para musicalizar o filme The cameraman, de Buster Keaton, que data de 1928”, sinala Carlos Montero, director do FIC.

Coma novidade con respecto a outros anos, o acto que pon en marcha esta nova edición do festival ten sido máis breve e desenvolveuse no corazón da vila do Támega. “Deste xeito, téntase involucrar máis directamente aos verineses na posta en marcha dun certame que se vén consolidando como un dos eixos fundamentais da axenda cultural anual do municipio”, engadía o director do FIC. Outra das novidades era a inclusión dunha breve representación teatral. E, no seu decurso, a concelleira de Cultura e Verín, Emilia Somoza, incluía o seu discurso.

 

 

 

Nesa peza, un representante do público e membro do equipo do FIC, Armando Silveira, interpretou a un director de cinema que interpelaba á concelleira dándolle instrucións sobre como tiña que abordar o seu discurso e facendo crer aos presentes que se atopaban no Festival de Berlín, en lugar de na Verinale (Festival de Verín).

Emilia Somoza, na súa intervención, valorou o FIC Vía XIV de Verín, que se desenvolverá do 30 de agosto ao 4 de setembro, como unha gran “festa do cinema”, que cada ano “se está assentando máis nas nosas vidas” e detallou aos presentes os principais apartados da programación deste ano do certame.

 

A concelleira de Cultura de Verín, Emilia Somoza./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

The cameraman

O filme The cameraman de Buster Keaton é considerado como unha das mellores películas de cinema mudo da historia. Narra a historia dun fotógrafo de rúa que se namora dunha muller chamada Sally, que traballa como secretaria nun noticieiro cinematográfico. No ano 2005, a cinta foi selecionada para formar parte da National Film Registry, nos Estados Unidos, un arquivo cinematográfico que se dedica a conservar películas de alto valor cultural e histórico.

 

 

 

Casperverk Trío está formado polo pianista Brais González, o percusionista Blas Castañer e a violinista Raquel Fernández. O aceno de identidade do grupo foi sempre o do respecto polas películas que musicalizan. Empregando elementos do jazz clásico, a música contemporánea, o folk ou a electrónica, esta paleta musical é para Casperverk unha ferramenta para construir un espazo performativo propio, onde a percepción sensorial ten un papel fundamental.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button