CulturaCulturaÚltima hora

O Festival Internacional de Curtas de Verín exhibirá traballos do Curtas-Festival do Imaxinario de Vilagarcía

O certame arousán será neste 2023 o convidado pola organización do foro cinematográfico verinés, previsto do 8 ao 17 de setembro

Imaxe do certame arousán./ Foto cedida polo FIC.

 

Como cada ano, a organización do Festival Internacional de Curtas (FIC Vía XIV) de Verín selecciona un festival cinematográfico para renderlle homenaxe no marco da súa programación e intercambiar experiencias cos seus responsables ao longo da semana na que se desenvolve o certame. Na súa terceira edición, o foro cinematográfico verinés, que se vai celebrar na vila do Támega entre o 8 e o 17 de setembro, instaurou a tradición de contar cun festival convidado e exhibir algúns dos seus traballos máis salientables. Este ano, o certame invitado polo FIC Vía XIV será o Curtas-Festival do Imaxinario de Vilagarcía de Arousa.

“Non é un festival calquera”, sinala Carlos Montero -director do FIC- ao respecto do certame de Vilagarcía de Arousa. “Trátase do festival cinematográfico decano de Galicia, que o ano pasado celebrou o seu primeiro medio século de vida, todo un mérito ao alcance de moi poucos certames”, destaca. “Por iso, estaremos encantados de contar en Verín cos responsables deste foro para manter unha charla-coloquio na que nos poidan explicar cal é o segredo do seu éxito e tamén teremos ocasión de visionar traballos que foron distinguidos no marco deste festival en edicións anteriores”, engade Montero.

Carácter multidisciplinar

Aínda que naceu coma un festival afeccionado, co paso do tempo o foro cinematográfico de Vilagarcía de Arousa consolidouse como un punto de encontro de primeiro nivel para o eido cinematográfico galego adquirindo, ademais, un carácter multidisciplinar que tamén pon en valor a literatura ou o mundo do cómic.

A oitava edición do FIC Vía XIV de Verín contará cunha sesión na que se proxectarán e visualizarán algunhas das obras máis valoradas nas últimas edicións do Curtas-Festival do Imaxinario de Vilagarcía, pezas que serán presentadas por membros do equipo directivo deste certame. Unha actividade que está inicialmente programada para o venres, 15 de setembro.

Dende que o Festival de Curtas de Verín decidiu comezar a convidar outros certames cinematográficos para estreitar lazos de colaboración, no Auditorio da vila puideron verse traballos de festivais de renome coma o Play Doc-International Documentary Festival; o RIR de Allariz; o Tempo Documentary Festival de Suecia; o Festival de Animación Animacam ou o Galician Freaky Film Festival de Vigo.

Artigos relacionados

Back to top button