Será a segunda prórroga en apenas 15 días. O presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, anunciaba nunha comparecencia pública a primeira hora desta tarde de 4 de abril a decisión de prorrogar dúas semanas máis o estado de alarma no país. Unha decisión que se tomaba despois dunha xuntanza co comité científico.
“O Consello de Ministros do próximo martes solicitará de novo a autorización do Congreso dos deputados para prorrogar o estado de alarma ata as 24h. do 25 de abril”, dicía Sánchez, quen insistía en que “dobregar a curva e deixar atrás o pico é o obxectivo que nos marcamos e estamos preto de alcanzalo”. E para iso nas vindeiras semanas búscase “reducir aínda máis a propagación”. Nese senso, o presidente matizaba que, “con todas as cautelas, cremos que esas dúas semanas son o tempo que necesita o noso sistema de saúde para recuperarse e a nosa sociedade para manter a raia o virus e iniciar a desescalada”.
Quedan, por tanto, varias semanas “de restricións estritas nas que pedimos ás familias que permanezan en casa”. Sánchez resaltaba así mesmo que “estamos ante a gran crise das nosas vidas, atopámonos ante unha encrucillada histórica”.
Máis prorrogas pero con restricións que se irán modulando
Ademais non será a última prórroga desta situación excepcional, “van ser máis de quince días, pero non significará que teñamos o mesmo estado de alarma. Cando dobremos a curva empezaremos a recuperar algúns espazos de relación social, que perdimos ou aos que renunciamos para protexer as nosas vidas e aos dos nosos seres queridos, espazos da nosa vida persoal, económica e social”, anunciaba Pedro Sánchez.
E ante as preguntas dos medios, o presidente do Goberno concretaba que a partir do 9 de abril a idea é que empresas non esenciais recuperen a actividade. “Prorrogaremos o estado de alarma que aprobamos hai 15 días, pero non a medida extraordinaria que aprobamos aproveitando a Semana Santa e que despois dela non ten razón de ser. E, en función de como sexa a evolución, iremos modulando ese estado de alarma. Esta é unha crise dinámica e reaccionaremos en función de como vaia a evolución da pandemia”.
O presidente do Goberno facía tamén unha chamada á unidade da sociedade, dos axentes sociais e tamén das forzas políticas, “imos traballar nuns novos pactos da Moncloa para relanzar e reconstruír a nosa economía e o noso tecido social”.
Nesa liña, aseguraba que, “unha vez teñamos controlada a difusión do virus, abrirase unha segunda etapa que será a do regreso progresivo a unha nova normalidade social e a unha reconstrución da nosa economía” para a que o Goberno está xa ultimando un plan.