SanidadeÚltima hora

O grupo de investigación oncolóxica do valdeorrés Rafael López busca mecenas en Ourense para continuar traballando

O Oncomet está desenvolvendo nun novo método de biopsia que permite coñecer o tipo de tumor a través dunha análise de sangue e sen cirurxía
A mesa informativa estivo instalada toda a mañá na rúa do Paseo.

O grupo de Oncoloxía Médica Translacional do Instituto de Investigación da Universidade de Santiago de Compostela (Oncomet), do que forma parte o doutor valdeorrés Rafael López, instalou hoxe unha mesa informativa na rúa do Paseo de Ourense para achegarlle información aos viandantes sobre a súa investigación sobre a biopsia líquida.

Esta técnica permite facer un estudo dos tumores canceríxenos a través dunha simple análise de sangue. Segundo os membros deste grupo de investigación presentes nesta mesa informativa, esta técnica “non é tan invasiva” polo que se poderá evitar ao doente unha cirurxía ou intervención para a análise do tumor. Por outra banda, sinalaron que a biopsia líquida é máis sensible e precisa, posto que “estuda de forma máis completa o tumor, polo que poderá ofrecer un tratamento personalizado”. A todo isto súmase a rapidez, xa que, de aplicarse no sistema de saúde, podería acelerar a obtención dos resultados e poder telos en “dous ou tres días”.

En canto ás utilidades, esta técnica permitirá seleccionar “un tratamento máis axeitado para o doente de cancro; facerlle un seguimento da doenza de do tratamento ao paciente; un estudo molecular do tumor e, sobre todo, avanzar en diagnose precoz.

Este grupo atópase dando pequenos pasos no avance da súa investigación, pero a falta de financiamento de fondos públicos lévalles a organizar este tipo de iniciativas de “micromecenado” para recadar fondos e seguir adiante co seu traballo. Entre as 11:00 e as 14:00 horas, foron moitos os ourensáns que se pasaron pola mesa informativa.

Este grupo leva traballando máis de cinco anos traballando co único obxectivo de colocar a Galicia como referente nacional no marco da medicina oncolóxica de precisión. En canto a esta campaña de recadación de fondos, todos os galegos e galegas poden participar nela “para que así os doentes de cancro poidan beneficiarse o máis rapidamente posible das vantaxes deste novo avance”.

Artigos relacionados

Back to top button