CulturaCulturaÚltima hora

O historiador Miguel García fala en Pantón sobre as mulleres con poder arredor do monacato medieval galego

Esta conferencia forma parte do programa "Cultiva Cultura 2021" da Asociación Segredos de Pantón

Miguel García, durante a conferencia.

 

Miguel García-Fernández, investigador do Instituto Padre Sarmiento, ofrecía na tarde do venres 30 de xullo unha conferencia dentro do programa “Cultiva Cultura 2021”, promovido pola Asociación Segredos de Pantón, en colaboración con outras entidades da zona.

Este historiador, natural das Guístolas (San Xoán de Río), facía unha interesante exposición sobre “As señoras, abadesas e monxas de Ferreira de Pantón: mulleres con poder ao redor do monacato medieval galego”, no Salón de Actos do Edificio Sociocultural. Así falaba sobre as mulleres do cenobio do Divino Salvador do Castro de Ferreira, pero tamén relataba historias doutras de mosteiros da contorna.

A charla suscitaba interese e tiña unha boa afluencia de persoas de diferentes idades. Ademais dende Segredos de Pantón destacaban a explicación sobre as “dominae”, señoras fidalgas que non residían no mosteiro, e que entre o século XII e o XIV se encargaban de rexer a institución relixiosa, ao non existir todavía a figura de abadesas no noso convento do Castro de Ferreira. “Destas señoras puidemos coñecer o nome e a historia de todas elas, permitíndonos ver un lugar máis que coñecido cunha óptica diferente”, din dende a entidade.

 

 

Tras esta conferencia, haberá unha pausa no programa cultural, que se retomará o vindeiro 14 de agosto cunha noite de morcegos co colectivo Morcegos de Galicia-Drosera. Será ás 21:30h. nos exteriores do poboada da Chaira na freguesía de Frontón. E a día de hoxe tan só quedan 8 prazas para ese evento.

Artigos relacionados

Back to top button