CulturaCulturaÚltima hora

O hórreo romano, aínda sen escavar, e un posible columbario centrarán a nova campaña arqueolóxica en Proendos (Sober)

Os traballos, que se veñen de iniciar, prolongaranse durante dúas semanas

 

Os traballos de escavación no xacemento arqueolóxico de Proendos, no municipio de Sober, que impulsa a Xunta de Galicia en colaboración co Concello inician hoxe unha nova fase, tras anteriores intervencións nos últimos anos nas que saían á luz numerosos materiais de ampla cronoloxía que van desde o século I ata o século V.

En concreto, a empresa Tempos Arqueólogos, encargada da exploración do xacemento, desprazou a seis traballadores ata a localidade onde xa se atopan levando a cabo as súas escavacións, que se prolongarán durante dúas semanas.

En concreto, a actuación que se porá en marcha consistirá na realización de dúas sondaxes manuais no ámbito do xacemento. A primeira delas levarase a cabo na zona onde apareceu o pasado ano unha estrutura tipo hórreo co fin de ampliar a área escavada para a súa mellor caracterización. Trátase dun achado que podería converterse no máis grande de Galicia e no primeiro da Comunidade vinculado a unha gran vila romana.

A segunda sondaxe, pola súa banda, centrarase nunha zona do xacemento próxima a igrexa de Santa María de Proendos para comprobar a posible existencia dunhas estruturas circulares que forneceu o xeoradar e que poderían ser un columbario romano. A iniciativa complétase con accións de difusión e coa realización dunha memoria técnica que contribúa a divulgar os traballos feitos e o valor deste xacemento.

Neste xacemento de Proendos tense constatado desde antigo, a través de achados casuais e intervencións non sistemáticas, a aparición de significativas evidencias materiais de adscrición romana que van desde un gran número de fragmentos de tégula, ladrillos e cerámica, ata varios fragmentos de columnas, capiteis, basas, epígrafes e restos de canalizacións de granito, moitos dos cales aínda se conservan nos muros de peche e no interior das casas do actual pobo de Proendos.

 

 

Un complexo de hipocaustos

Os últimos traballos impulsados neste xacemento xa constataron a existencia dun hipocausto, unha estancia oca que os romanos adoitaban construír debaixo do chan nos cuartos das vivendas e nos baños para que circulara o aire quente. Tamén se localizou unha ábsida circular, un elemento arquitectónico de orixe romano presente tanto en edificios relixiosos como seculares, e unha hipotética horrea romana.

A estas achegas súmanse os numerosos materiais ou os restos das estruturas das edificacións, que xa foron localizadas a un nivel moi superficial nas primeiras xornadas de traballo, ou a aparición dun mosaico romano que non se conserva íntegro, pero do que si apareceron varios fragmentos reducidos.

A prospección xeofísica levada a cabo polo Concello de Sober no ano 2019 xa permitiu constatar a existencia de, polo menos, un complexo de hipocaustos de extensión considerable, varios elementos de posible carácter público e de servizos, posibles estruturas de habitación, unha probable trama urbana ou estruturas funerarias, así como un hipotético sistema de condución de augas.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button