
Co obxectivo de “proporcionar ferramentas prácticas e esenciais para o alumnado do IES Lauro Olmo, AEVA (Asociación de empresarios de Valdeorras) e AEPA (Asociación empresarial de profesionais e autónomos) levarán a cabo dous relatorios únicos que se enmarcan no convenio asinado entre o Club do Emprendemento e o INCIBE, financiado polos fondos Next Generation da Unión Europea.
O primeiro, previsto para mañá martes 28 de maio de 12 a 14 horas, leva por título “Financiamento e recursos. Impulsando o teu proxecto de maneira cibersegura” e será impartido por David Martínez Alonso, presidente de AEPA Ourense. Tal como explican dende AEVA, esta charla está deseñada para “ofrecer unha visión integral sobre os recursos dispoñibles para emprendedores e as consideracións esenciais en materia de financiamento”. Tamén se abordarán precaucións básicas de ciberseguridade e presentaranse recursos valiosos para aqueles interesados en formarse e emprender neste ámbito específico.
O segundo relatorio, que terá lugar o martes 4 de xuño de 12 a 14 horas, titúlase “Ferramentas Prácticas de Intelixencia Artificial para emprender de forma cibersegura” es estará impartido por José María da Torre, director do proxecto convenio Club do Emprendemento-INCIBE Emprende. Esta charla centrarase no uso de ferramentas de Intelixencia Artificial aplicadas ao emprendemento.
Dende a organización aseguran que “estas accións formativas representan unha gran oportunidade para aqueles que buscan impulsar os seus proxectos de maneira cibersegura e co apoio de ferramentas modernas e efectivas”, lembrando que tanto AEVA como AEPA “continúan comprometidos co fomento do emprendemento e a seguridade dixital, brindando á comunidade estudantil os recursos necesarios para animarlles a emprender e triunfar na contorna empresarial actual”.