Segue ardendo na parroquia da Esculqueira (A Mezquita). Este lume entraba dende Portugal sobre as 12:30 h. do mediodía de onte. “Tras telo practicamente controlado, unha nova fronte procedente tamén do país veciño reactivou este lume”, explica a Consellería do Medio Rural.
Así, segundo novas estimacións, a superficie afectada é dunhas 160 hectáreas. Esta medición é provisional ata que se parametrice a superficie final afectada, indica a consellería. Para o control deste lume mobilizáronse 11 axentes, 25 brigadas, 12 motobombas, 3 pas, 12 avións e 9 helicópteros.
Controlados os dous lumes de Vilariño de Conso
Os dous lumes rexistrados no concello de Vilariño de Conso quedaron controlados ás 8:36 h. da mañá, tras comezar o venres á noite con tres focos cada un deles. Segundo as últimas estimacións, as superficies afectadas son de 16,42 hectáreas no caso da parroquia de Castiñeira e de 45,39 hectáreas na de San Cristovo.
En canto aos medios, lévanse mobilizado en total 12 axentes, 22 brigadas, 9 motobombas e 3 pas.
Extinguido o incendio de Chandrexa de Queixa
Tamén quedaba extinguido ás 12:34h. o lume que comezaba ás 16:43 h. do venres no concello de Chandrexa de Queixa, parroquia de Queixa.
Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 40 hectáreas, das cales 1 son arboradas e 39 de monte raso. No control deste lume levan participado 7 axentes, 23 brigadas, 6 motobombas, 3 pas, 9 helicópteros e 2 avións.