ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

“O libro tenlle que falar a cadaquén que se achegue a el”

Xabier Paz presentaba a súa novela “Anibal e a Pintora” na Biblioteca Florencio Delgado Gurriarán do Barco

Artemisa Gentileschi é unha muller adiantada ao seu tempo, que loita por ser pintora na Italia do século XVII. A súa pintura e figura seducen e atrapan, séculos despois, a Anibal, quen ademais acaba contaxiando desa atracción a un amigo. Estes son os tres personaxes principais de “Anibal e a Pintora” (Xerais), a última novela do coruñés Xabier Paz. Presentábaa na tarde do 26 de maio na Biblioteca Florencia Delgado Gurriarán do Barco.

O acto iniciábase coa intervención da concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta, quen facía un persoal achegamento ao libro de Paz, destacando, como filóloga, o seu “brillante rexistro lingüístico” e o seu proceso de documentación engarzado nunha coidada ficción. “Esta novela é de vez unha lección de historia e un tratado de saberes sobre a pintura”, apuntaba.

Tamén acompañaba ao autor o seu amigo Xosé Luis Álvarez, que tras referirse á súa traxectoria literaria, afondaba na novela, froito de seis anos de traballo (entre 2006 e 2012). “Esta obra”, resaltaba, “é unha reivindicación, unha homenaxe e unha posta en valor da figura da muller”. Álvarez aseguraba que nela o autor retrata a Italia de Caravaggio, pero facendo tamén referencias á literatura galega, e en concreto a autores como Ferrín ou Rosalía de Castro.

Finalmente tomaba a palabra Xabier Paz, que comezaba expresando o seu agradecemento ao editor do libro, Manuel Bragado, xa que “o seu apoio facilita o camiñar solitario da creación literaria”. E centrábase na figura da protagonista, Artemisa, pasando moi riba da novela xa que “o libro tenlle que falar a cadaquén que se achegue a el”. Para Paz esta obra non é “exactamente unha biografía, posto que non se limita ao século XVII”. Considera máis ben que se trata dun libro “histórico, que me serve de pretexto para falar de temas universais”.

Fotos: Ángeles Rodríguez.

Artigos relacionados

Back to top button