Continúa activo o incendio forestal que se declaraba ás 13h. deste venres na parroquia de Pardollán, no concello valdeorrés de Rubiá, e que afecta ao Parque Natural da Serra da Lastra. Segundo a última actualización de datos feita pública pola Consellería do Medio Rural ás 17h., o lume afecta xa unhas 35 hectáreas.

Esta medición é provisional ata que se parametrice a superficie final afectada, segundo Medio Rural. Para o seu control lévanse mobilizado 1 técnico, 7 axentes, 14 brigadas, 4 motobombas, 4 helicópteros e 11 avións. Deste conxunto de medios, unha brigada, 9 avións e 3 helicópteros foron despregados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica.
Tamén se desprazou o GES Valdeorras ata a localidade de Pardollán como medida preventiva.