Despois de meses pechado por mor da situación sanitaria provocada polo Covid-19, o Museo Etnográfico da Limia reabrirá as súas portas este domingo 25 de xullo con motivo da celebración do Día de Galicia. Dende este día as súas portas volverán abrirse cada semana os sábados e domingos en horario de 11:30 a 13:30h. e de 17:30 a 19:30h. A entrada ao museo ten un prezo simbólico de 2€ por persoa, con descontos especiais para grupos.
Esta infraestrutura cultural inaugurábase no ano 1992 na Escola Unitaria de Vilar de Santos, cunha colección de pezas etnográficas recollidas na comarca por un grupo de profesores e alumnos do Instituto de Xinzo de Limia. Tempo despois, o Concello de Vilar de Santos conseguía a cesión da Reitoral da parroquia para a súa rehabilitación, decidíndose dedicar este espazo á preservación da Memoria dos Limiaos.
A restauración da Reitoral, edificio que data do século XVIII e que, no seu momento, pertenceu á Orde de Santiago como hospital de peregrinos, respectou e aproveitou todos os elementos construtivos, a madeira, a pedra, a lareira, o patio, cos que contaba a casa nos seus orixes.
No ano 1996, concluída a rehabilitación e a nova exposición en salas temáticas que ensinan aspectos da vida tradicional da Limia, o Museo reabría as portas, converténdose nun lugar de encontro para a comunidade. Para iso, sempre se conta coa participación dos veciños en todas as actividades que se organizan, as pezas foron doadas integramente por xente da comarca, vellos artesáns e labregos actúan como guías na exposición e as mulleres foron o motor que recuperou a tradición do tecido en liño, sendo as protagonistas dos diferentes obradoiros e iniciativas empresariais que se puxeron en marcha nos últimos anos. Sendo considerado na actualidade un dos mellores museos de Galicia no seu xénero.