Dende a Xunta de Galicia vén de notificarse que os titulares dos locais de lecer nocturno que opten polo peche dos seus establecementos na fin de semana de Fin de Ano, entre as 00,00 horas do día 31 de decembro de 2021 e as 03,00 horas do día 3 de xaneiro de 2022, deberán realizar unha comunicación previa á Xunta de Galicia, a través do enderezo electrónico pechelecernocturno@xunta.gal e antes das 00,00 horas do día 31 de decembro, co obxectivo de ter acceso ás axudas que o Goberno galego establecerá para compensar dito peche. O incumprimento deste requisito suporá a exclusión das subvencións.
“Tampouco poderán optar ás axudas previstas aqueles negocios que adianten á noite de hoxe as festas organizadas previstas para Noitevella, posto que o apoio económico está previsto para compensar as perdas correspondentes pola cancelación do evento”, informa o goberno galego.
Ademais, no período entre as 00,00 horas do día 31 de decembro de 2021 e as 00,00 horas do 18 de xaneiro de 2022, “os establecementos de lecer nocturno poderán realizar a súa actividade ordinaria, pero non poderán organizar festas, celebracións ou eventos específicos, independentes ou extraordinarios, como cotillóns, festas de fin de ano, festas de reis, ou con outras denominacións similares, nin realizar promoción, anuncios ou publicidade dos indicados eventos a través de redes sociais, mensaxes de difusión, ou cartelaría tradicional”, engade a Xunta.
As axudas pactadas onte na reunión que mantiveron os representantes do ocio nocturno co vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, para os locais que decidan pechar, establecen distintos tramos en función da superficie de cada un: 2.500 euros para os locais de menos de 100 metros cadrados, 5.500 euros para os que teñan entre 100 a 250 metros cadrados, 9.000 euros para os de 250 a 500 metros, 14.000 nos que conten cunha superficie entre 500 e 700 metros, 27.000 euros naqueles que teñan de 700 a 2.000 metros e para os que superen os 2.000 metros fíxanse 45.000 euros. A orde está previsto que se publique en xaneiro co obxectivo de que se comecen a abonar as axudas ao mes seguinte, mantendo a axilidade das anteriores liñas de apoio ao sector.