En portadaÚltima hora

O oncólogo Rafael López será nomeado fillo predilecto de Vilamartín este sábado

O acto terá lugar ás 12 horas no salón de actos do Concello e contará coa asistencia de diversas autoridades

O doutor vilamartinés Rafael López./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O sábado, día 15 de abril, a partir das 12 da mañá, celebrarase o acto público de nomeamento como fillo predilecto do Concello de Vilamartín ao médico, investigador, e presidente da Asociación Española de Oncoloxía, Rafael López, natural deste municipio valdeorrés.

Un evento que contará coa asistencia de numerosas personalidades así como da veciñanza de Vilamartín. O acto que se levará a cabo no salón de plenos será retransmitido a través dunha pantalla xigante na praza diante da casa consistorial para que poidan velo todos os veciños.

O pleno extraordinario aprobará o recoñecemento de fillo predilecto e entregaralle unha placa conmemorativa ao homenaxeado de mans do alcalde, Enrique Álvarez. Unha vez rematado o acto institucional será o momento dun pequeno aperitivo con viños da comarca no exterior da casa consistorial. Un evento que estará aberto á participación de toda a veciñanza asistente. “Será un gran día de recoñecemento para o xefe do Servizo de Oncoloxía Médica do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela e responsable do Grupo de Oncoloxía Médica Traslacional, do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela”, destacan dende o Concello de Vilamartín.

Comida con discursos de recoñecemento de autoridades e veciños

A celebración pecharase cun xantar no Complexo Hostaleiro Paladium, ás 14 horas. Durante esta parte do acto haberá intervencións do alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez, do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña; así como de dous veciños e amigos do doutor, o arqueólogo Santiago Ferrer e Agustín Núñez. O propio homenaxeado poderá expresar o seu sentir pechando o apartado de discursos.

Artigos relacionados

Back to top button