OurenseÚltima hora

O OUFF situouse nunha media de 1.000 espectadores na súa 27ª edición

O festival anunciou tamén as datas para a súa edición do 2023, que terá lugar entre o 22 de setembro e o 1 de outubro e contará cunha imaxe deseñada polo artista urbano Mon Devane

Publicidade

 

O Festival de Cine de Ourense, que se celebrou entre os pasados 23 de setembro e 1 de outubro, fixo hoxe balance desta 27ª edición, que tildaron como “dun éxito rotundo” Manuel Baltar -presidente da Deputación de Ourense-, Miguel Anxo Fernández -director do OUFF- e Aurelio Gómez Villar -coordinador do festival-.

Todos celebraron que se puidese executar o 100% do programa do festival tal e como estivo deseñado nun inicio, proxectando 87 películas procedentes de 26 países repartidas en 107 proxeccións. Esta diversidade e programación internacional tivo unha estupenda resposta por parte do público, que situou a cifra de asistencia ás proxeccións na mellor do festival nos últimos anos: 9.087 espectadores e espectadoras. Isto tradúcese, en que cada día participaron de media 1.000 persoas nas proxeccións que se ofertaban en cinco salas da cidade (Cines Ponte Vella, Teatro Principal e Cineclube Padre Feijoo). Alén disto, celebráronse outras actividades paralelas que contaron tamén con moita asistencia: concertos exposicións, o Festival Ourense pola Paz, roteiros de cine pola provincia… etc.

Manuel Baltar quixo destacar, ademais da alta asistencia ás proxeccións, a “gran implicación dos espectadores nas votacións, cun 85% dos asistentes exercendo o voto do público”. Isto tradúcese na calidade da Sección Oficial, que esgotou as entradas en numerosas ocasións e na cal, oito das súas doce películas estiveron puntuadas por encima dun 4 polos asistentes, sendo o máximo posible un 5.

Ourense, punto de encontro do sector audiovisual

A cidade de Ourense, e en concreto o OUFF, xa se converteron en lugar de encontro, debate e negocio para o sector audiovisual. Nestes días, ademais de múltiples reunións de traballo, tivo lugar o I Encontro Estatal da Plataforma Audiovisual de Produtoras -que contou coa participación de Chus Serradilla (AECINE), María Luisa Gutiérrez (AECINE), Ignacio Rotaeche (PIAF), Felipe Lage Coro (MAPA), Montserrat Bou (PROA), Carlos Juárez (MAPA), Antonio Mansillla (PIAF), Uxía Caride (MAPA) e Gaizka Urresti (MAPA)-, e tamén se presentou a Ourense Film Commission na compañía do presidente da Spain Film Commission, de outras do resto de España e tamén de Portugal.

A formación é un punto clave tamén nas actividades paralelas do Festival de Cine de Ourense: nos pasados días impartíronse dúas master classes con profesionais de primeiro nivel como son o deseñador de son Carlos Faruolo e o cineasta Jaime Chávarri, que recolleu a súa Calpurnia de Honra cun auditorio co público en pé. Completaron a proposta formativas actividades como Fas Muvis, que fomenta a creación entre a mocidade e o estudantado universitadio, ou o OUFF Escola, pensado para un púlico máis cativo.

OUFF 2023: novidades

Miguel Anxo Fernández, director do festival, aproveitou a ocasión para agradecerlle á sociedade que “estivese de cara ao festival”, porque “un festival sen espectadores non é un festival”. O director do OUFF adiantou tamén algunha das novidades da próxima edición, que se celebrará entre o 22 de setembro e o 1 de outubro do 2023: a creación dunha sección competitiva de cinema galego e o nome da persoa encargada de deseñar a imaxe para a próxima edición. Será o artista urbano Mon Devane, internacionalmente recoñecido, e que emprega o spray como principal ferramenta artística.

Implicación empresarial

Aurelio Gómez Villar destacou a implicación da empresa privada co festival. Ademais dos tres patrocinadores privados habituais (La Región, Gadis e Abanca), nesta ocasión o certame contou coa incoporación de Hijos de Rivera; ademais de sumar novos colaboradores como Cafés Candelas ou un acordo especial con RENFE que permitiu que o OUFF viaxase a través dos asentos dos trens Galicia-Madrid. O apoio local faise tamén fundamental para un evento destas características, que ven nel unha plataforma de promoción: Adolfo Dominguez, Perez Rumbao, Centro Comercial Aberto Ourense Centro, Asociación de Perruqueiros de Ourense, Centro Comercial Pontevella, D. O. Ribeiro, Cristalería Forxas, Aceites Abril, Mobify, Agrupación de libreiros de Ourense e múltiples locais de hostalaría que colaboraron de diversos xeitos co Festival de Cine de Ourense.

Artigos relacionados

Back to top button