Tras Ourense e Verín, O Barco é o terceiro concello da provincia no que se vén de presentar o Plan de Apoio ao Sector Comercial Galego. Trátase dunha iniciativa financiada pola Consellería de Economía e Industria que desenvolve a Cámara de Comercio de Ourense para todos os establecimientos comerciais da provincia e que é totalmente gratuíta para os participantes.
Esta xornada de presentación tiña lugar na tarde do 3 de novembro no salón do edificio multiusos do Barco e nela comezábase incidindo no peso do sector comercio na economía. “É un sector estratéxico para Ourense e para toda a Comunidade Autónoma”, explicaba a representante da entidade cameral, quen matizaba que na provincia existen uns 8.000 establecementos comerciais. De seguido pasaba a comentar o Plan de apoio ao sector comercial galego, matizando os seus obxectivos, como son, entre outros, “mellorar a súa competitividade, crear un novo tecido comercial, modernizar o existente” e desenvolver as novas tecnoloxías.
Tamén se foron desgranando os seis programas (asesoramento ao comercio, iniciación ao comercio electrónico e redes sociais, entre outros) cos que conta o plan así como as diversas actuacións (como é o asesoramento a emprendedores) que se prevé levar a cabo.
Ademais estaba previsto que este acto se completase cun obradoiro sobre redes sociais e comercio electrónico para que as pemes comerciais aproveiten as oportunidades que lles ofrecen as novas tecnologías e sistemas de comunicación.