No campo da batalla da Saínza (Rairiz de Veiga), a carón do castelo que tomarán os mouros o vindeiro sábado e no que se librará o combate -xa o domingo- no que os cristiáns recuperarán o dominio e a súa Virxe, presentouse este mediodía o programa de festas da que é unha das máis senlleiras celebracións da Limia e, “se mo permitides, da provincia de Ourense e de toda a comunidade coa que se despiden as grandes festas do verán”, en palabras da rexedora local, Asunción Morgade.
A alcaldesa estivo acompañada no acto por Ana Míguez e Julio Domínguez, “dous dos meus máis fieis colaboradores na organización desta romaría e sen os que non teríamos o éxito de público que ano tras ano se acada”, dixo Morgade Rúa. Tamén estaba o capitán do bando cristián, Breogán Prieto, un dos que parlamentarán o vindeiro domingo logo da celebración eucarística no palco do campo da festa antes de iniciar a batalla por todos agardada.
Morgade Rúa destacou que “A Saínza programa un calendario de festexos para todos os públicos e sensibilidades. Teremos actividades para a cativada o venres, pero tamén oficios relixiosos para os devotos da Virxe que os hai e son moitos chegados doutros territorios e, como non, a recreación histórica do combate, o grande reclamo para todos”.
“Non faltará tampouco -continúa a rexedora- a música, imprescindible e na que estarán orquestras de grandísimo nivel nacional. Só me queda animarvos a todos a que desfrutedes dunha Saínza como nunca e lembrarvos de que non hai mellor xeito de vivila que desfrutar do entorno natural que nos ofrece a Carballa da Rocha e do espírito de convivencia que sempre a marcou”, remataba.
O programa
A programación festiva comezará o venres ás 13:00 horas co anuncio da festa con descarga de bombas de palenque, pola tarde, haberá xogos populares. Na noite, será a quenda do grupo Yukatán, que ofrecerá unha actuación ás 23:30 horas e ás 01:30 horas. A primeira xornada rematará coa discoteca móbil Show.
O sábado, ás 19:30 horas, terá lugar a procesión da Nosa Señora da Mercé dende a capela da Saínza ata a igrexa de San Xoán de Rairiz de Veiga. Antes do asalto ao Castelo, a orquestra Galilea ofrecerá un primeiro pase ás 22:00 horas para seguir ás 00:30 horas.
Un dos grandes reclamos desta romaría e a batalla entre os mouros e cristiáns. O primeiro paso para este combate darase o sábado pola noite. Ás 23:45 horas será o desfile do exército Cristián dende a capela da Saínza ata o campo de batalla. A medianoite, os mouros protagonizarán o asalto ao Castelo. A noite rematará coa discoteca móbil Gramola ás 02:30 horas.
A última xornada comezará de mañá cunha alborada a cargo da charanga Los Támega. Logo, ás 12:15 horas, haberá procesión dende a igrexa de Rairiz de Veiga ata o Castelo da Saínza, acompañada pola charanga. Ao remate, comezará a misa no campo de batalla para dar paso ao combate entre mouros e cristiáns ás 13:15 horas.
A música continuará ás 14:00 horas cunha sesión vermú de Los Támega e, pola tarde, tocará a actuación dun dos pratos fortes desta romaría. A orquestra Combo Dominicano actuará ás 18:30 e ás 20:15 horas. Antes do último pase, renderase homenaxe a persoas destacadas na Romaría da Saínza. Ademais desta programación, o día 21 celebrarase unha cea popular. Os interesados en asistir deberán anotarse no Concello, onde pagarán os 25 euros que custa.
Por outra banda, a novena comezará este venres e haberá misas todos os días na capela da Saínza ás 19:30 horas. Ademais, o día 24 tamén se celebrarán os actos litúrxicos ás 10:00, ás 11:00 e ás 18:00 horas.
Fotos cedidas.