A proba do Quiroga Trail Challenge, organizado pola área de Deportes do Concello de Quiroga e o Club de Montaña Montouto é un dos circuítos de trails máis esixentes e espectaculares do noroeste peninsular. Esta fin de semana daranse cita en Quiroga os 1335 participantes inscritos nesta proba deportiva, 400 máis que no último trail.
De novo, o Quiroga Trail Challenge que percorre as terras do Xeoparque Montañas do Courel, está formado por dúas probas: o Trail do Castelo, o sábado, e o Trail do Lor, o domingo. Cada unha delas ten diferentes distancias. No caso do trail do Castelo: minitrail, cun percorrido duns 17 quilómetros; trail, de 25; maratón, 42 quilómetros, e ultra, de 69. E unha andaina de 17 km igual que o minitrail. No caso do Lor, só hai minitrail de 15 km e trail de 27 km. Os participantes elixen que distancia percorren e se participan nas dúas probas ou só nunha, de maneira individual ou por parellas.
No Trail do Castelo a saída para os participantes na ultra e no maratón tiña lugar ás 8:00 e a dos participantes no trail, minitrail e andaina dúas horas despois. Os participantes no Trail do Lor sairán o domingo ás 9:15 e os do minitrail ás 10:00.
Para o bo desenvolvemento desta proba a organización conta con preto dun cento de voluntarios e teñen dispostos de dez puntos de avituallamento, moitos deles situados en lugares aos que se pode acceder en coche.
“O gran número de participantes nesta proba deportiva fixo que durante esta fin de semana todas as prazas de aloxamento de Quiroga estean cubertas. Mesmo se reservaron prazas en establecementos de Ribas de Sil, Folgoso do Courel e incluso a Rúa e Monforte de Lemos”, tal e como se destaca dende o Concello de Quiroga.