CulturaCulturaÚltima hora

O rues Manolo González publica “O benshi de Galicia”, un libro que recolle a singular historia dun cura bohemio ourensán

Presentará este volume o vindeiro martes na sede da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda na Coruña

Manolo González e a portada do seu novo libro./ Imaxes: Editorial Alvarellos.

 

O valdeorrés Manolo González presentará o vindeiro martes 24 de outubro ás 19:30h. o seu novo libro, “O benshi de Galicia. O arrebato cinematográfico de Rey Soto” na Coruña, na sede da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda. Neste acto estará acompañado pola deputada provincial de Cultura, Natividade González e Henrique Alvarellos, responsable da Editorial Alvarellos.

“Este libro, publicado pola Editorial Alvarellos, ofrécenos unha viaxe no tempo co relato da aventura extraordinaria” dun crego-poeta ourensán, “bohemio, sedutor e sibarita, un verdadeiro influencer e celebrity da época”, explican dende esta entidade.

En 1922 Antonio Rey Soto (Ourense, 1879-Madrid, 1966) embarcábase nun proxecto moi singular: fundar en Vigo a produtora Celta Film e rodar a película Unha viaxe a través de Galicia e Asturias (hoxe, perdida). Con ela viaxaba por América en 1923. “Posuído dunha extraordinaria oratoria, Rey Soto actuará, en cada proxección, narrando ao público –de emigrantes galegos, principalmente– os contidos do seu filme , exercendo o papel dun verdadeiro «benshi», esa figura capital do cinema mudo xaponés, que explicaba a trama a unha audiencia moitas veces analfabeta”, aseguran dende a Editorial Alvarellos.

“O Benshi de Galicia”, que está ilustrado con cen fotografías e documentos moi descoñecidos, achega aventura existencial dun home cuxa vida é “realmente a trama dunha verdadeira película, na que por certo participa boa parte da intelectualidade galega de comezos do século XX”.

O seu autor, o rues Manolo González, foi fundador e director da Escola de Imaxe e son de Coruña e da Axencia Audiovisual Galega na Consellaría de Cultura e Deporte. No 2023 recibiu o premio de ensaio e investigación “Losada Diéguez” pola biografía de José Gil “Nos días encantados de agosto”.

Artigos relacionados

Back to top button