CulturaCulturaÚltima hora

O valdeorrés Florencio Delgado, entre as 3 candidaturas que optan ás Letras Galegas do 2022

As outras dúas candidaturas son as de Federico Gacía Lorca-Ánxel Casal e a de Fiz Vergara

 

Autores das candiduras presentadas para optar ás Letras Galegas do 2022./ Foto: RAG.

 

O pleno da Real Academia Galega (RAG) decidirá este venres 2 de xullo quen será a figura literaria á que lle dedicará o Día das Letras Galegas 2022. O acordo tomarase nunha sesión ordinaria na que se someterán a votación as tres candidaturas presentadas por membros de número da institución: a de Florencio Delgado Gurriarán (Córgomo, Vilamartín de Valdeorras, 1903 – Fair Oaks, Estados Unidos, 1987), escritor, editor literario e activista político e cultural fundamental do exilio galego en México; a de Fiz Vergara Vilariño (Samos, 1952 – Lugo, 1997), poeta singular, narrador e dramaturgo; e a protagonizada por Ánxel Casal Gosende (A Coruña, 1895 – Teo, 1936), fundador da Editorial Nós, xunto ao poeta granadino Federico García Lorca (1898-1936), autor dos “Seis poemas galegos” publicados no devandito selo.

O regulamento de réxime interno da Academia establece que na primeira xuntanza despois do 17 de maio, Día das Letras Galegas, o plenario debe elixir a personalidade literaria a quen se lle dedicará esta conmemoración no ano vindeiro, tal e como informa esta institución.

A normativa indica que esta debe ser “autora dunha obra relevante en galego e persoa de calidade cultural e humana que mereza propoñerse como exemplo á sociedade galega de hoxe”. É ademais requisito indispensable que pasasen dez anos desde a súa morte e que a candidatura estea avalada cando menos por tres membros de número da Academia.

Os académicos e académicas de número reuniranse este venres 2 de xullo na sede da institución, na rúa Tabernas da Coruña, para tomar a decisión. Ao termo da sesión plenaria, está previsto que o presidente, Víctor F. Freixanes, comunique o resultado da votación sobre o Día das Letras Galegas de 2022.

Artigos relacionados

Back to top button