DeportesÚltima hora

O valdeorrés Javier Fernández, entre os máis rápidos no Campionato do Minho de BTT DHI da Penha

O rider quedaba no sexto posto da categoría elite masculino na proba disputada a pasada fin de semana en Portugal

Javier Fernández Quiroga na proba de Portugal. /Foto: Marcelo Lopes.

 

Tardou en arrincar, principalmente polas restricións sanitarias e a falta de competicións a causa da pandemia, pero unha vez que empezou xa non para.

Despois de acceder ao Top 25 na carreira internacional de DH disputada en Boticas (Portugal), o rider valdeorrés Javier Fernández Quiroga, especialista en Descenso, vén de quedar moi preto do podio noutra carreira disputada no país luso, desta volta en Penha, Guimarães.

Nunha competición promovida pola Asociación de Ciclismo do Miño co apoio do Concello de Guimarães e da Irmandade da Penha, a emblemática pista de Downhill vimaranense acollía a pasada fin de semana o Campionato do Miño de DHI despois de ser o escenario do campionato nacional desta vertente do ciclismo o ano pasado.

Segundo a organización foi unha xornada “excelente para a práctica da modalidade, con moitos ciclistas presentes na primeira proba do Campionato do Miño de BTT Downhill”, entre os que estaba Javier Fernández (Bicicletas Chinquena Racing Team) que se situaba entre os máis rápidos da categoría elite masculina, cun tempo de 2:14:500 que o situaba no sexto posto da clasificación.

A seguinte cita para o rider valdeorrés será na vindeira fin de semana no Open de España de DH que se celebrará en El Raso.

Artigos relacionados

Back to top button