
Comezan a facerse públicos detalles da VII edición do FIC Vía XIV de Verín, que terá lugar do 31 de agosto ao 4 de setembro. Así esta mostra conta xa con cartel ilustrador. É obra do xoven creador local David Rivada e baséase “na conxunción dun fenaquitoscopio, elemento circular que produce ilusión de movemento, misturado con efectos ópticos modernos”, tal e como avanza a organización.
Os dous elementos circulares da imaxe unidos conforman unha bobina de cine. “Cando me escolleron non tiña para nada claro como ía realizar o traballo”, sinala Rivada, quen afirma que “ilusionismo” e “cinema” comparten moito en común e os dous elementos están na base da súa proposta ilustradora.
“Ningunha das decisións tomadas no deseño foi froito da casualidade”, admite o autor do cartel. “Un cartel non é un elemento que se mova”, engade Rivada. “Porén, este cartaz móvese”, apostila. Deste xeito, ao mirar para el dá a impresión de que os discos que conforman a ilustración están en movemento”.
Autores locais
A aposta por promover e dar a coñecer o talento local é unha das máximas do FIC Verín xa dende os inicios. “Tentamos contar con autores e artistas locais para que realicen o cartel ilustrador de cada unha das edicións do Festival Internacional de Curtas de Verín”, destaca Carlos Montero, director do certame. “Nesta ocasión depositamos a confianza no xoven David Rivada e, sen dúbida, o resultado obtido é moi creativo e moi enxeñoso”, afirma.