EconomíaEconomíaÚltima hora

Oímbra dá a coñecer o seu patrimonio con visitas guiadas gratuítas

Publicidade
O programa chámase “Coñecendo o noso patrimonio” e o obxectivo é dar a coñecer os lugares de interese da localidade
Rosendo Fernández e Ana Villarino.

O Concello de Oímbra está a organizar un programa de visitas guiadas gratuítas polo seu territorio, unha iniciativa que baixo o lema “Coñecendo o noso patrimonio” mostrará aos visitantes os lugares de maior interese do municipio tanto a nivel patrimonial, histórico e paisaxística.

O vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, dixo na presentación de hoxe, 20 de setembro, que se trata “dunha iniciativa ambiciosa a nivel cultural a través da cal, os visitantes poderán coñecer Oímbra”, e felicitou á alcaldesa “por levar a cabo actividades que contribúan a poñer en valor o noso patrimonio”.

Pola súa parte, a alcaldesa de Oímbra, Ana Villarino, explicou que se trata dun proxecto de tres visitas guiadas que pretende “dar a coñecer o noso patrimonio, en primeiro lugar aos nosos veciños, que moitas veces non coñecemos a riqueza do noso municipio, e en segundo lugar aos veciños doutras vilas para que veñan a descubrir Oímbra”. Asemade, a alcaldesa sinalou que o Concello de Oímbra está a traballar nestes últimos meses “na busca das nosas orixes, a través de diferentes iniciativas, nas que incluímos “Coñecendo o noso patrimonio”.

A saída das visitas será ás 10:00 horas desde o Concello. A primeira será o vindeiro domingo, 24 de setembro, e dará a coñecer a Adega As barrocas, o lagar de Xan Preto, o cruceiro de San Cibrao que data do século XVIII, e o lagar dos Mouros. A seguinte visita terá lugar ao domingo seguinte, 1 de outubro, para mostrar a mámoa do Penedo Furado e o Castelo Medieval de Lobarzán. A última visita será o domingo, 8 de outubro, na que os participantes poderán coñecer a ara romana da Capela de Espiño e o Castro do Muro do Búbal.

Todas as visitas irán acompañados por un arqueólogo, quén explicará os diferentes puntos de interese durante o percorrido. “A participación é libre para que poida unirse a elas tódalas persoas interesadas en coñecer o noso patrimonio”, explicou Ana Villarino.

Artigos relacionados

Back to top button