OurenseÚltima hora

Oito orquestras, street food e música rock e dance coparán as Festas da Ponte

Os festexos arrancarán o 21 de xullo e durarán até o 26 e contarán co tradicional espectáculo pirotécnico da noite do 25 de xullo dende a Ponte Romana
A presentación do programa tivo lugar no Concello. // Foto: Carlos Asensio. 

O barrio ourensán da Ponte prepárase para celebrar as festas en honra do seu patrón, Santiago. Unha cita xa consolidada no verán ourensán que, entre os días 21 a 26 de xullo, ofrecerá diferentes actividades festeiras dedicadas a todos os públicos.

O presidente da Comisión de Festas da Ponte, José María Cabaleiro foi o encargado de anunciar este amplo programa que arrancará o venres, 21 de xullo. Cara ás 21:00 horas abrirá o A Ponte Street Food, que estará durante todas as festas en horario de 13:00 a 16:00 horas e de 19:00 a 00:00 horas. E, ás 21:00 horas, comezará o festival Ponte Rock, que será no Parque de Ribeira de Canedo (entre a Ponte Romana e a pasarela do Centro Comercial). Finalmente, ás 22:30 horas, será o pregón a cargo de José Manuel Pérez Canal, presidente da CEO. Ás 23:00 horas “Festicultores Tropue” ofrecerá o seu “sentido do humor e espírito festeiro”, asegurou Cabaleiro.

O sábado, 22 de xullo, os festexos arrancarán ás 12:30 horas coa animación de rúa. Pero o prato forte ven ás 16:00 horas, xa que o programa “Aquí Galicia”, da TVG, trasladarase até A Ponte para facer o seu programa en directo. Tamén haberá unha concentración de coches xaponeses, ás 16:00 horas e, pola noite, ás 22:00 horas, terá lugar a verbena amenizada coa orquestra Fin de Siglo. Logo, ás 23:00 horas, será o Ponte Dance cunha discomóbil con Dj’s do programa “Land Rober Tunai Show” da TVG (Que estará no parque Ribeira de Canedo tamén o domingo 23, o luns 24 e o mares 25 ás 21:00 horas). E rematará, ás 23:30 horas coa orquestra Palladium.

O domingo 23, terá lugar unha Festa da Ecuma na rúa San Pedro de Mezonzo e a verbena correrá a cargo das orquestras Bambolea e Gran Parada, que actuarán ás 22:00 e ás 23:30 horas respectivamente. O luns 24 de xullo actuarán as orquestras Iris, as 22:30 horas, e a Miramar ás 00:00 horas.

O Día Grande das festas da Ponte será o martes 25 de xullo, día de Santiago. A xornada arrancará ás 10:00 horas co IV Campionato de Chave. Ás 12:00 horas será a misa e posterior procesión na honra de Santiago Apóstolo, acompañada coa música da Real Banda de Gaitas da Deputación. Xa á noite, ás 21:00 horas, será a actuación da orquestra Televisión e, logo diso, ás 00:00 horas, os tradicionais fogos de artificio que se botarán dende a Ponte Romana. “Un símbolo da cidade que durante eses días de festa terá un alumeado especial deseñado especialmente para estes festexos”, asegurou o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez. Tras o espectáculo pirotécnico, o grupo Alkar amenizará a verbena.

Finalmente, o programa concluirá o mércores 26 coa misa en honra de Santa Ana.

Texto: Carlos Asensio.

Programa.

 

Artigos relacionados

Back to top button