PolíticaÚltima hora

A oposición queixase do mal estado das bicicletas de aluguer públicas de Ourense

Ourense en Común manifesta que o servizo “é precario e de baixa calidade”

O mal estado das bicicletas do servizo municipal de aluguer “BiciOurense” é unha realidade. As bicis públicas ourensás carecen de luces de posición, obrigatorias por normativa municipal; teñen os asentos cheos de fendas ou rotos e as inclemencias do tempo deterioran e oxidan os cadros das mesmas e cuartean os neumáticos. Dende a oposición; concretamente Martiño X. Vázquez, voceiro do grupo de Ourense en Común, quixeron denunciar “a precariedade deste servizo”. Vázquez asegurou que “de cada 10 euros que gastou o Concello no 2016, 1 euro foi para gastos en irregularidades ou ilegalidades”.

Hai que lembrar que o pasado mes de xuño do 2016, a Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense decidiu retirarlle a adxudicación do mantemento das bicicletas públicas a “San Mamede Bike”. O motivo polo cal se tomara esa decisión foi por unha incompatibilidade xa que un funcionario do Concello aparecía como administrador da empresa. A colación deste tema, Martiño X. Vázquez dixo o seguinte: “a empresa vaille facturar un ano de servizo estando parada por unha ilegalidade”.

Este servizo de bicicletas púxose en marcha no ano 2007 e, segundo cifrou o voceiro de OUeC, dende ese tempo ao 2014 “tivo unha media de prestamos de 5.000 anuais, e tiña unha flota de bicicletas ao redor de 200”. Vázquez asegura que a partir do cambio de Goberno local a esta nova corporación “esta tendencia cae en picado a unhas cifras de préstamo anuais que non superan os 3.000, e un total de 35 bicicletas operativas en mal estado”.

Fotos: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button