EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Os hostaleiros da Ribeira Sacra prevén unha ocupación dun 70% na ponte da Constitución

 

Os hostaleiros da Ribeira Sacra prevén nesta ponte da Constitución unha ocupación do 70% das prazas. Os datos apuntan a que os hoteis, de 3 e 4 estrelas, e as vivendas turísticas serán o tipo de establecemento preferido para desfrutar desta longa ponte no xeodestino. O turismo rural xa ten o 60% das prazas reservadas tamén e seguramente reciban máis, tal e como vén de informar o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra.

O período consultado abrangue dende o venres 2 ao domingo 11 de decembro. “Malia que a mostra recollida é polo de agora pequena, trátase dun dato moi positivo, xa que nos atopamos en termos de ocupación semellantes a anos anteriores, nos que a ponte duraba apenas 3 ou 4 días”, resaltan dende o consorcio.

Por outra banda, Ribeira Sacra remata un mes de novembro cunha ocupación do 68% nas fins de semana; ocupación que no cómputo mensual foi dun 46%:

Hoteis 4 e 3*: 71%
Turismo Rural: 48%
Vivendas Turísticas e de Uso Turístico: 27%
Outros aloxamentos: 39%

A ocupación máis alta neste mes de novembro foi rexistrada polas casas de turismo rural, conseguindo un 83% de media durante as fins de semana. Outras categorías como os hoteis de 2 estrelas ou apartamentos tamén se sitúan en niveis semellantes, entre un 80 e un 100% de ocupación.

Cabe resaltar os datos acadados polos hoteis de 4 e 3 estrelas en días laborais, cun 71,4% de media, a porcentaxe máis elevada do conxunto de aloxamentos entre semana.

Por último, as previsións para o mes de decembro sitúanse nun 45% en termos globais, 4 puntos máis que no pasado ano 2021.

Programa de actividades “Somos de Outono 2022”

A mediados de novembro remataba “Somos de Outono 2022”: Recollida de cogomelos, experiencias sensoriais, mindfulness, supervivencia no bosque e a estrea dun hall escape compuxeron o programa desta edición. Un total de 7 experiencias e 100 prazas repartidas entre as fins de semana do 29 de outubro ao 13 de novembro.

Como é habitual na dinámica de todas as actividades organizadas por este organismo, o número de prazas por grupo foi reducido (máximo 10), apostando pola calidade e a personalización da experiencia. Achegáronse de todos os puntos da xeografía galega e doutras comunidades, como a madrileña. “Somos de outono” enmárcase no Plan de Sostibilidade Turística en Ribeira Sacra.

Artigos relacionados

Back to top button