
Dende o departamento de Cultura do Concello do Barco queren que os cidadáns partícipen na organización das Festas do Cristo 2016 que se celebrarán entre os días 9 de 14 de setembro. Por iso, veñen de facer público un anuncio polo que convidan a que todo aquel que o desexe, faga chegar as súas ideas e suxerencias ao respecto, a través de varias vías: do correo electrónico concelleria.cultura@concellodobarco.org, un escrito presentado no rexistro do Concello á atención da Concellería de Cultura, ou ben persoalmente, en horario de 13 a 15 horas, no 3º andar do Edificio Multiusos, preguntando pola concelleira de Cultura.
A Concellería, con Margarida Pizcueta ao fronte, comprométese a estudar todas as propostas e intentar elaborar unha programación “o máis consensuada e adaptada posible ás necesidades e gustos da cidadanía” cunha partida orzamentaria que nos últimos anos oscilou entre os 110.000 e os 120.000 euros.
O prazo para presentar as suxerencias será do 22 ao 30 de abril.



