En portadaÚltima hora

Os viños da D.O. Valdeorras logran 23 Grandes Ouros na “Guía de Viños de Galicia 2023” dos Paadín

Nesta edición Ribeira Sacra sumaba tamén 23 disticións deste tipo, o Ribeiro 22 e Monterrei 12

Alejandro e Luis Paadín coa edición do 2023 da “Guía de Viños de Galicia”./ Cedida.

 

Un total 241 os mecenas axudaban a xestar a “Guía de Viños e Destilados de Galicia” de 2023, outro ano máis sen publicidade co fin de garantir a súa total autonomía. E eran eles os primeiros en catala do domingo 25 ao luns 27 na aula Paadín da Coruña. Participaban nun túnel do viño iniciático con 150 referencias que contan coa medalla 2023 da guía. Unha forma de inmersión no proceloso universo do viño polo que Luis e Alejandro Paadín guían aos seus lectores.

A “Guía de Viños, Adegas e Destilados de Galicia”, actualizada e ampliada cada ano, conta nesta décimo terceira edición con 544 páxinas a todo cor que conteñen máis de 1.300 fichas de cata con fotografía do viño, datos de produción, orixe da uva, prezo estimado e cualificación de anadas. Máis de 500 adegas de Galicia -a totalidade das amparadas en denominacións de orixe ou identificacións xeográficas protexidas- protagonizan esta publicación que se converteu nunha ferramenta de consulta imprescindible para profesionais e namorados do viño. Ademais nesta ocasión dase o paseo de traducir o texto ao inglés para respostar “á demanda expresa de exportadores e prescritores do mundo anglosaxón. E pese ao esforzo que supón a tradución e adaptación da guía a este mercado”, segundo os autores.

Como vén sendo habitual nesta guía, as máis de 1.300 fichas de cata profesional e anónima xeran unha clasificación dos viños e outórganse unha serie de medallas: gran ouro, ouro e prata. As denominacións ourensás que máis Gran Ouro sumaban eran Valdeorras con 23 e a Ribeira Sacra con outros 23. O Ribeiro sumaba un total de 22 e Monterrei 12.

Xunto coa clasificación de viños, a guía contén Historia da Vitis, a súa domesticación e introdución en Galicia; o Mapeado Xenético das variedades galegas e a súa distribución xeográfica; un Glosario de máis de 300 sinonimias e homonimias de uvas galegas; infografías de litoloxías e climatoloxías por subzonas e anadas; datos de produción, viticultores, adegas de cada Denominación de Orixe; Índice de Rexistros Embotelladores; Harmonías de viños galegos con gastronomía de toda España; referencias das vinotecas de España onde se poden adquirir viños galegos, e Aloxamentos e restaurantes recomendados nas cinco denominación de orixe galegas.

Homenaxe a José Luis Hernáez Mañas

A edición 2023 da Guía conta cunha dedicatoria ao Doutor Enxeñeiro Agrónomo José Luis Hernáez Mañas, infatigable formador e divulgador que dirixiu a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA) do ano 1988 ao 2023.

Os Paadín tiveron en conta para esta homenaxe a defensa e a posta en valor das variedades galegas ancestrais e a súa adaptación á diversidade territorial das que fixo gala e defendido Hernáez Mañas ao longo da súa traxectoria. Neste sentido, aseguran, que “entre outras moitas cousas a nós abriunos o camiño para comprender e explicar os viños de Galicia no seu conxunto e para asociar as marcadas singularidades climáticas que se transmiten a cada un deles e que lle confiren todo o sentido a cada unha das 10 denominacións de orixe e identificacións xeográficas protexidas que constitúen o complexo e marabilloso territorio vitivinícola de Galicia”.

 

 

As catas e catadores da Guía 2023

O proceso de cata realizouse, como sempre, coa botella tapada e os catadores só foron informados da orixe da mostra e a súa anada, sen facer mención ao sistema de elaboración, nin ao prezo. A orde dos viños e destilados en cada cata foi decidido por persoal dos consellos reguladores ou polo secretario de cata e os profesionais descoñecían as marcas que participaban.

Os 22 paneis de cata que outorgaron as medallas desta décimo terceira edición da guía constituíronse con cinco catadores cada un, que foron seleccionados en virtude do seu exhaustivo coñecemento da tipicidade de cada zona, tendo sempre en conta que non tiveses intereses persoais con ningunha das adegas para manter a independencia que sempre definiu a esta publicación.

As catas foron realizadas nas sedes dos CC.RR.; na D.O. Monterrei en Verín (Ourense); na D.O. Rías Baixas, en Pontevedra; na D.O. Ribeiro en Ribadavia (Ourense); na D.O. Valdeorras (Ourense). Pola súa banda, os augardentes e licores tradicionais de Galicia catáronse no Revera Vinum, en Santiago de Compostela (A Coruña); no Concello de Vilaboa (Pontevedra) e na Aula Paadín da Coruña.

Entre os corenta e catro profesionais que participaron este ano nas catas atopábanse técnicos de todos os consellos reguladores galegos, así como os directores técnicos das denominacións de orixe Rioxa, Ribeira do Douro, Toro e Bierzo.

A “Guía de Viños, Adegas e Destilados de Galicia” foi premio Especial do Xurado e considerado “Mellor Libro de Bebidas do Mundo 2017” nos Gourmand, os Oscar deste tipo de publicación.

Artigos relacionados

Back to top button