En portadaEntrevistasÚltima hora

Óscar Padrevecchi: “Nos meus cadros empecei a plasmar o que eu vivo mirando ao Barco”

Este artista visual e arquitecto arxentino expón por vez primeira a súa obra en España no escaparate de Miranda Moda no Barco, vila onde reside

Publicidade

 

A historia do característico estilo de Óscar Padrevecchi comezaba na Arxentina. Un día, este arquitecto e artista visual, nado en Bos Aires, estaba rematando unha obra en papel “con impresións sobre as que despois traballaba. Era un cadro moi grande e non sabía como agarralo e, de repente, vin a grapadora e decidín poñerlle dúas grapas para sostelo sobre a madeira. Nese momento decateime de que a grapa era unha raia pequena e entón empecei a grapar todo o papel, de modo que as grapas, que son pequenas raias, pasaron a ser parte da obra ao mesmo tempo que sostiñan o papel. Ese cadro foi seleccionado no Salón Nacional de Artes Visuais (en debuxo, ano 2006)”, explica este creador, casado cunha barquense e afincado en Valdeorras dende hai un ano.

A partir de aí a plástica de Padrevecchi identificábase coas raias. “Esta é a miña maneira de expresarme. Cando pinto, pinto raias con distintas escalas e expresividade. Uso técnica mixta, traballo tamén en dixital ou sobre cartón ou tea, e acrílico, óleo, pastel, fibra”, comenta este artista que, dende o 14 de maio, expón por primeira vez en España. Unha escolma das súas últimas obras, reunidas baixo o título “Algunhas raias no Barco”, poderá verse (dentro do proxecto “MirArte”) ata primeiros de xullo no escaparate da céntrica tenda Miranda Moda na citada vila valdeorresa. “Dame moita alegría que sexa no Barco a presentación da miña obra e nun escaparate porque é un lugar público e iso anímame moito, é unha maneira de darme a coñecer”, destaca.

A exposición reúne unhas 15 obras de diverso tamaño: dende cadros de 70×50, pasando por un dun formato de 1,80×1,45 metros, ata outros máis pequenos de 50×50. “Todos están feitos sobre un soporte de polietileno expandido encartonado, ao que despois póñolle xeso, e sobre iso traballo”, conta o autor, que prepara xa unha nova exposición en Valdeorras, para cando mellore a situación sanitaria, pero pensando xa nunha sala de exposicións.

– ¿Cal é a temática da mostra que pode verse no escaparate de Miranda Moda?

Levo en España tres anos. Primeiro estiven en Santander, onde empecei a facer unhas pinturas abstractas en color vermello, tamén en tonos azuis… E cando me instalei no Barco, de onde é a miña muller, Carmen; eu xa viña moi cargado das súas imaxes e empecei a plasmar dalgunha maneira o que eu vivo mirando a esta localidade

Nesta mostra poden verse un par de series: por unha banda, unha ligada ao Barco e logo outra un pouco máis abstracta, relacionada con conceptos que teñen que ver co Camiño de Santiago e co tema da alegría. Na exposición as series están superpostas.  Quixen amosar unha mestura do que estou facendo agora mesmo, que ademais está relacionado coa temática da chegada da primavera e do verán.

 

O artista visual e arquitecto Óscar Padrevecchi, debuxando./ Foto cedida.

 

 

– Sobre todo son obras abstractas…

Eu pinto raias, vexo raias por todos lados. Por exemplo, para min, o río é unha raia. De súpeto, ás veces aparece algo figurativo, ás veces non, depende, pero sempre a construción é a partir do debuxo, das raias. Digo raias porque ese é o primeiro debuxo que fixen hai moitos anos. Tratábase dunha raia que tracei cun pincel moi ancho e, a partir de aí, xerouse a estrutura principal do cadro. As raias teñen tamén moito que ver coa miña profesión, son arquitecto deseñador, e iso téñoo moi incorporado.

– Nuns cadros predominan os brancos, noutros as cores intensas e cálidas, ¿que uso que fai do color nestas obras?

A calidez está buscada ex profeso, o que pasa é que na serie do Camiño de Santiago e da alegría, en realidade, son como chispazos de cores sobre un branco. Por outra banda, o cadro de maior tamaño está moi traballado, dediqueille moito tempo, pasou por varias instancias, e ten moita carga simbólica. Nel usei de base un mapa de España, que case non se nota, e sobre el traballei a idea do Barco, do río Sil, etc. E aí hai unhas cores que teñen que ver coa pedra, tamén coas montañas de cor vermella, laranxa das Médulas…

Despois hai pinturas relacionadas co río Sil e coa vila. Cando eu camiño pola avenida principal e miro a través dunha rúa, atópome coa montaña, entón é un contraste que para min resulta moi novo. Imaxínate que eu son de Bos Aires e alá sempre vexo o horizonte, entón aquí, en xeral en España, o horizonte está cortado sempre. Sorpréndome cando vou pola rúa principal e atópome co fondo da montaña e de aí é de onde xurdiu a serie do Barco, con dous cadros que están pintados con cores intensas: verde, celeste, amarelo, etc. que teñen que ver co sol.

 

Un dos cadros de Óscar Padrevecchi expostos no escaparate de Miranda Moda./ Foto: A.R.

 

– Como artista, ¿que lle parece a luz que hai no O Barco?

É como unha especie de nubosidade que tende a un celeste que unifica todo, pero claro, cando se vai iso e hai moita claridade de ceo. Cando o sol pega forte produce uns contrastes moi intensos porque a natureza mesma dachos, a montaña, o río.., e iso vese cando miras atrás da montaña ou ao ras da auga do río, é algo que me chama a atención.

E, dentro da oscuridade, tamén hai moitos matices, e iso nótase pola convivencia do Barco coa montaña, porque está moi preto. A escala que ten coa vila dache o marco xustamente, é como se estiveras nun barco porque os laterais das montañas están cerca, e iso eu non o vexo, por exemplo, cando vou a Ponferrada, onde as montañas están máis alonxadas, o lugar, aquí está contido, é moi lindo.

– ¿Que supón para vostede esta primeira exposición no Barco e tamén en España?

Moitas cousas! Aquí naceu Carmen, ademais O Barco ten que ver coas miñas primeiras vivencias en España, máis alá de que pasei por Santander, e claro dame moita alegría facer esta primeira exposición e nun lugar tan público como é un escaparate, e nun lindo escaparate como o de Miranda Moda, que case é como unha pequena galería: estás fóra pero antes de entrar ao local estás entre fóra e dentro, tes un pequeno percorrido.

– Isto tamén lle dá opción de chegar a un público moi diverso e sen que vaia buscando a exposición…

Si, resulta moi interesante expoñer nun escaparate, e oxalá que poidamos facer outras novas mostras e sigamos con ganas. De feito, xa estou preparando máis cartóns para traballar, a ver se van abrindo as salas de exposición nesta zona para volver expoñer e que a xente me vaia coñecendo.

Texto: A.R.
Fotos da galería: A.R., agás a primeira, que é cedida.

Artigos relacionados

Back to top button