EconomíaEconomíaÚltima hora

“Partenalia” analiza estratexias de cooperación en transparencia e xestión pública sustentable

Os representantes gobernos provinciais europeos déronse cita no pazo de Vilamarín para tratar o asunto
Foto de familia do encontro político de Partenalia.

A rede europea de gobernos locais intermedios, “Partenalia”, analizan en Ourense estratexias de cooperación das provincias da Unión Europea en materia de transparencia e xestión pública sustentable, un encontro político de marcado carácter medioambiental que reuníu no Pazo de Vilamarín aos representantes institucionais das provincias e a expertos en materia de medio ambiente e transparencia como Robert F. Kennedy, presidente de Waterkeeper Alliance; David Levine, presidente da ASBC e Juan Manuel Roa, presidente de Transparencia Pública.

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, destacou, nesta xornada inaugural, a importancia deste encontro “para traballar medioambientalmente conectados, desenvolvendo accións políticas en rede, e situando aos gobernos provinciais de Europa como referentes en transparencia e participación cidadá, e como exemplo de xestión sustentable”.

Baltar agradeceu a presenza en Ourense dos integrantes de Partenalia, así como dos expertos en medio ambiente e transparencia, unha labor conxunto en favor dos territorios provinciais e os seus cidadáns que se verá fortalecido coa posta en marcha do Consello Europeo de Economía Sostible, que terá a súa sede en Ourense, unha entidade europea medioambiental que traballará como filial da americana ASBC, aplicando a experiencia das máis de 250.000 empresas que integran á American Sustainable Business Council “a prol dunha maior incidencia das políticas medioambientais para favorecer a realización de proxectos públicos, empresariais e sociais que avancen na cultura da sustentabilidade”, dixo o presidente do executivo provincial.

Precisamente, no marco do cumio, asinouse o convenio entre Partenalia e a American Sustainable Business Council (ASBC) para a utilización por parte desta organización norteamericana da sede de Partenalia en Bruxelas, cara posta en marcha do Consello Europeo de Economía Sostible. O acordo foi asinado polo presidente de Partenalia, Javier Moliner, e o presidente da ASBC, David Levine.

A recepción aos membros de Partenalia contou coa participación da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense na chegada das autoridades ao Pazo de Vilamarín.

David Levine saudou moi positivamente o acordo asinado con Partenalia para colaborar coa ASBC, e subliñou a importancia “de deseñar programas que sensibilizan e informen á sociedade e aos responsables públicos dos beneficios dunha economía máis sustentable e de políticas e prácticas que contribúen a acadar este obxectivo”. Levine dixo que é grande acerto ”que en Europa se aposte por crear unha entidade homóloga á ASBC que englobe a administracións e empresas en torno á idea de implicarse activamente a prol dunha “economía verde”, con proxectos cidadáns, e investigando novas maneiras de innovar a prol da nosa saúde medioambiental”.

O presidente de Partenalia, Javier Moliner, expresou que un dos grandes obxectivos de Partenalia, “é elevar a voz dos cidadáns, especialmente dos que viven no mundo rural, e que mellor altofalante que esta organización integrada por gobernos locais e por persoas como Manuel Baltar, un verdadeiro convencido do papel dos gobernos provinciais”.

Finalmente, Juan Manuel Roa, presidente de Transparencia Pública, afirmou que o papel dos gobernos provinciais “é fundamental para a sustentabilidade e o desenvolvemento” e destacou que o paradigma do goberno aberto “é o que se está impoñendo no ámbito mundial”, e destacou que a Deputación, “será a primeira institución pública do Estado en dispoñer dunha Auditoría Social da Transparencia, un método que permite avaliar a transparencia na xestión en tempo real”.

Javier Moliner e David Levine, asinando a acordo entre Partenalia e a ASBC.

 

Artigos relacionados

Back to top button