EconomíaEconomíaEn portadaPizarraÚltima hora

Asinado un acordo entre Samaca-Irosa e a Comunidade de Montes do Trigal que garante os empregos

O documento rubricado inclúe dúas posibilidades en función da resolución que emita o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia sobre a expropiación realizada pola Xunta. No caso de ser favorable á comunidade, iríase a un acordo por 11 anos coa empresa, renovables

 

Quince días antes da data na que estaba previsto que se executase o desafiuzamento das instalacións da empresa Samaca-Irosa, tras a sentenza a favor da Comunidade de Montes de Portela e Trigal, ambas partes veñen de asinar un acordo que garante a viabilidade e continuidade da empresa, así como o mantemento dos seus 250 postos de traballo directo, así como dos indirectos. Ademais xa a primeira hora desta mesma tarde está previsto que a Comunidade de Montes do Trigal dea acceso ás instalacións de Samaca que estaban pechadas.

 

 

A sinatura deste documento tiña lugar no Concello do Barco, logo de cinco reunións entre as partes, nas que o alcalde deste municipio exercía como mediador. O acordo chega antes da resolución do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) sobre a expropiación dos terreos realizada pola Xunta de Galicia, por iso no acordo asinado se contemplan dúas posibilidades en base ao que dicte esa resolución, que se espera se faga pública entre o 15 e o 20 de novembro.

 

Momento da sinatura./ Cedida.

 

“Pode darlle a razón á Xunta e dicirlle que a expropiación está ben feita ou pode dicir que non, entón dalle a razón á comunidade montes. Nos acadamos un acordo nas dúas situacións posibles. Unha vez que se coñeza a sentenza, se elevará a público o acordo correspondente a ela na notaría, polas dúas partes. E, cando sexa público, a Comunidade de Montes irá ao xulgado e pedirá a suspensión do alzamento previsto para o día 29 de novembro e, en proba de boa vontade de aquí ao 29, a Comunidade de Montes abrirá as portas de Samaca a primeira hora da tarde, para que Samaca siga xestionando todo o stock que hai nesas instalacións”, anunciaba Alfredo García, mentres o representante da comunidade de montes asentía. Así no caso de que se lle dea a razón a Comunidade de Montes, faríase un acordo por 11 anos coa empresa, renovables.

“É unha gran noticia tanto para Valdeorras como para o Concello de Carballeda, que é onde están instaladas as empresas, así que satisfacción e darlles as grazas ás partes”, dicía o alcalde do Barco, quen tamen matiza que os detalles do asinado non se ían facer públicos.

 

O presidente de Samaca-Irosa, Rogelio López.

 

“Queremos agradecer o apoio tremendo de toda Valdeorras, tamén a participación neste acordo do alcalde do Barco e en todo proceso, dende o principio ata agora, e ademais destacar o papel de Maria Carmen González alcaldesa de Carballeda, que foi fundamental”, resaltaba o presidente de Irosa-Samaca, Rogelio López. “Valoro o acordo de forma moi positiva para empresa, para os traballadores para Valdeorras en xeral, son moitos postos de traballo directos e outros moitos indirectos, entón, hai que valoralo positivamente”.

 

O presidente da Comunidade de Montes do Trigal, Odilo Fernández./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Pola súa banda, o presidente da Comunidade de Montes en Man Común de Portela e Trigal, Odilo Fernández, disentía con relación ao comentario do responsable de Samaca sobre a alcaldesa de Carballeda, que  “en todo momento tomou parte pola empresa cando tiña que ter sido a negociadora neste asunto. Isto non empezou hai 3 días, senón no 2015-2016, cando lle pedimos axuda á alcaldesa e lle deu as costas á comunidade. Hoxe é un moi bo día e estamos moi de acordo coas palabras de Rogelio, salvo no relativo á alcaldesa de Carballeda porque cremos que non estivo á altura”.

 

 

Odilo Fernández recoñecía que resultou “complicado chegar a un acordo, pero grazas a que ambas partes quixemos acabar neste termo, foi posible. Entón resultou unha negociación dura pero, querendo, as dúas partes chégase a todo, que era o que buscaba a comunidade de montes dende un principio, nunca quixemos pechar a empresa, non era ese o noso fin”, concluía.

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button