ConcellosEconomíaEconomíaO BarcoÚltima hora

En marcha o obradoiro de emprego “Valdeorras embelece III”, con 20 participantes

Cedida.

 

Os alcaldes do Barco, Alfredo García, Vilamartín, Enrique Fernández Barrio, e Petín, Raquel Bautista, abriron onte de xeito formal as actividades do Obradoiro de Emprego “Valdeorras embelece III”, no que se formará a 20 alumnos traballadores, distribuídos nas especialidades formativas de auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería (12 alumnos); e traballos de carpintería e moble (8 alumnos), residentes nos tres municipios que participan neste proxecto.

No obradoiro (no que traballarán un director, dous profesores de xardinería, un de carpintería, un de formación dual e un administrativo) as persoas seleccionadas como alumnos poderán “recibir formación sobre diferentes materias, e traballar en proxectos moi interesantes para toda a veciñanza, nos lugares onde residen”, dicía o alcalde do Barco, Alfredo García.

Os rexedores de Vilamartín e Petín daban a benvida aos alumnos e profesores, aos que desexaron que esta formación sirva para que, no futuro, logren un traballo acorde ás súas expectativas. No ano de duración do obradoiro, os alumnos recibirán formación sobre as materias indicadas, e realizarán diferentes traballos.

No municipio do Barco de Valdeorras, levarán a cabo o acondicionamento de zonas axardinadas no núcleo do Barco, o valado de parques infantís no municipio, a substitución ou reposición de bancos de madeira en espazos públicos; e a fabricación e colocación de 10 cobre contedores no concello.

En Vilamartín de Valdeorras os traballos previstos son os de valado de parques infantís no concello; a fabricación e colocación de 15 cobre contedores no municipio; e substitución ou reposición de bancos de madeira en espazos público; e o acondicionamento de xardíns de diversos núcleos do municipio. No Concello de Petín procederase ao acondicionamento e ampliación do Paseo do Malecón; e á poda en xardíns de diversos núcleos no municipio.

O obradoiro terá unha duración dun ano, e foi aprobado pola Consellería de Promoción de Emprego e Igualdade, que aporta unha subvención de 531.000 euros para o seu desenvolvemento, ademais doutros 12.000 para incentivos á contratación”.

Artigos relacionados

Back to top button