En portadaÚltima hora

Pedro Sánchez declarará o estado de alarma en España durante 15 días para afrontar a crise do coronavirus

Un Consello de Ministros extraordinario "adoptará unha serie de medidas excepcionais"

O presidente do goberno, Pedro Sánchez, na súa declaración institucional neste 13 de marzo.

 

“Estamos só na primeira fase dun combate contra o coronavirus que libran todos os países do mundo e, en particular, o noso continente, Europa. Espérannos semanas moi duras, diximos que virían días difíciles e tomamos medidas á altura desa dificultade. E non cabe descartar que na próxima semana alcancemos os máis de 10.000 afectados. Todo o esforzo das autoridades sanitarias está dirixido a evitar unha propagación demasiado rápida do virus”. Pedro Sánchez, presidente do goberno, dicía estas palabras na súa comparencia  neste mediodía, 13 de marzo, na que anunciaba que se declarará o estado de alarma durante 15 días para poder facerlle fronte á emerxencia do coronavirus.

Sánchez adiantaba que decretará mañá, nun Consello de Ministros extraordinario, “medidas excepcionais”. Esta será a segunda vez que se tome a medida na democracia española. “A emerxencia sanitaria e social xerada polo coronavirus crea circunstancias extraordinarias como as que lei a contempla para dotar ao goberno de España tamén de recursos extraordinarios”, indicaba Sánchez.

E, nese senso, o Consello de Ministros de mañá “adoptará unha serie de medidas excepcionais ao amparo do estado de alarma que se vai decretar, estas decisións estarán orientadas a mobilizar todos os recursos do Estado para protexer mellor a saúde de todos: económicos, sanitarios (tanto públicos como privados, tanto civís como militares) para responder a emerxencia social e económica coa máxima axilidade e contundencia”, aseguraba o presidente español.

Artigos relacionados

Back to top button