Tocando a guitarra aparecía o xograr Bernal entre o público que enchía na noitiña do 2 de setembro a fortaleza da vila do Castro (O Barco) para asistir á agardada estrea da obra “Pardais e falcóns”, escrita polo barquense Gustavo Docampo e que representaba Gargallada Teatro. “Empuxa a roda da historia/ se o que vives non che gusta/ virán tempos mellores/ se persegues causa xustas”.

Con esta frase en verso, arrancaban os diálogos desta función cunha decena de escenas conducidas e enlazadas por este xograr e por María, unha muller espelida e contadora de historias, que guiaban o público con acerto, certas doses de retranca e mesmo cantos e bailes. Escenas que principiaban alá pola época romana, cando se estaba a construír a Via Nova, unha autoestrada da época para conectar Bracara Augusta con Asturica Augusta, tal e como se comentaba no obradoiro do canteiro Domiciano, do que saían numerosas aras, entre elas a do Libero Patri de Millarouso, o miliario inaugural da Ponte da Cigarrosa.
E da etapa romana ao século XII da man de dous personaxes históricos coñecidos: Adosinda, muller de Ordoño Peláez, natural de Xagoaza e veciño do Castro de Val de Iorres. E de aí a unha estancia do pazo de Don Pedro Fernández de Castro, onde o nobre escoita con gran atención e impaciencia, a lectura dun documento, datado en marzo de 1326, de voz do seu escribán. E, finalmente, a unha pousada do mesmo Castro, onde se comentan os abusos e falcatruadas do meiriño Arias entre a veciñanza da zona, así como os excesivos cobros ao campesiñado.
Nesa mesma cuestión, vasalaxe, foros e cobros inxustos incidian os dous personaxes condutores da obra antes de dar paso a unha nova escena, desta volta no exterior dunha igrexa onde tocan a morto e dúas anciás, Amelia e Lucinda, sitúan aos espectadores nun novo momento da historia valdeorresa con referentes como Pedro de Losada ou Andrés de Prada, señor da casa de Outarelo.
A partir de aí as escenas continuaban avanzando no tempo, cruzando os lindes da Idade Media e chegando a outro momento significativo da historia valdeorresa: a invasión napoleónica ata polo século XIX, con outros personaxes relevantes no escenario: os abades Uría e Varela.
E chegando ao ao tempo da revolución liberal, coa Constitución de Cádiz, remata a obra, pero non a historia que como indicaba o xograr Bernal, ben podería continuar noutra peza no futuro. “Talvez alguén no futuro/ se decida a escribir/ algúns outros episodios/ que non contamos aquí”.

Esta estrea despedíase con todo o elenco no escenario, cantos e bailes, entre os aplausos do público. Festa para concluír unha intensa, amena e tamén en ocasións divertida viaxe pola historia valdeorresa. Desta montaxe, cuxa posta en escena estaba dirixa por Manuel Caramés, formaban parte 25 personaxes aos que daban vida os actores Paco Campos, Reyes Limia, Lalo Santos, Manuel González, Moncho Díaz Macías, Carmen Hernández, Juanjo Fernández García, Xosé Lois Conde, Emilio González López, Álvaro Baños, Ángel Rodríguez, Aurora Fernández Couso, José Manuel G. Borace, Juan Ferreira. Ademais na parte musical contábase cos músicos Xaquín Freixeiro, Antela Roo Calvo e Xabier Blanco Sánchez.
Na escenografía, vestiario e no deseño gráfico contouse con Luis Enrique Rodríguez Arias “Coquixo”. A música foi composta para a ocasión por Xaquín Freixeiro. Da parte técnica (son, deseño de iluminación e montaxe de estruturas) ocuparanse Vanesa Yáñez e Jorge Álvarez Delgado.

Nova función, esta noite no Castro
A montaxe de “Pardais e falcóns”, unha coprodución do Concello do Barco e da Deputación de Ourense, volverá representarse este sábado a partir das 22h. na mesma praza da fortaleza da vila do Castro. Ademais a obra vén de ser publicada por Edicións Positivas e o libriño pode adquirirse antes ou despois da representación nese mesmo lugar.
“A loita dos pardais contra os falcóns subxace, nas dez escenas que conforman o texto, como metáfora da dialéctica dos contrarios que o move o carro da historia, unhas veces para avanzar e outras, as máis delas, para froxar e desandar o camiño”, apunta o autor desta peza teatral, Gustavo Docampo. Un carro da historia no que se fuxe dos brancos e negros para convidar a reflexionar a ampla gama de grises que a move ao longo do tempo.
Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.