Galerías de fotosOurenseÚltima hora

A pista de Atletismo de Expourense estará lista no mes de xuño

A Xunta nunciou que a comezos dese mes iniciarán coa montaxe xa que a obra está a cumprir os prazos

A Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia vén de informar que o foxo de formigón da pista de Atletismo cuberta de Ourense, que se está a facer no recinto de Expourense, xa está rematado, e que a principios de xuño darán comezo coa montaxe.

Tras montar o armado de muros e lousas, executar o formigón de limpeza e picar recrecido na cuberta plana, iranse retirando progresivamente os “stands” existentes para realizar o trazado de instalacións ou a estrutura de “foto finish”.

As obras foron iniciadas o pasado mes de marzo, e no momento actual, tanto ese foxo de formigón como a estrutura e a cuberta de ampliación de espazos auxiliares están rematados. Deste xeito, a obra “continúa segundo o plan establecido cumprindo so prazos”, informan fontes da Xunta, polo que a primeiros do mes de xuño dará comezo a montaxe da estrutura da pista que levará as cores amerela, azul mariño e cian.

Esta nova pista terá seis rúas en pista circular de 200 metros de perímetro, oito rúas en pista recta, zona de lanzamento de peso, zona de saltos de altura, lonxitude triplo salto e pértiga. Segundo informan dende a Secretaría Xeral para o Deporte, a pista de atletismo cumprira coas novas especificacións da Federación Internacional de Atletismo (IAAF), que serán acordadas no vindeiro congreso que se celebrará en agosto do presente ano en Londres e que xa foron confirmadas á propia Secretaría Xeral a través da Real Federación Español de Atletismo.

A viabilidade e a compatibilidade de usos son as principais características deste proxecto que atraerá a importantes atletas e deportistas á cidade de Ourense xa que cando as curvas da pista se baixan, a superficie sintética queda ao nivel adecuado para que poida usarse para outros deportes ou actividades. O proxecto para a construción da pista cumpre coas prescricións técnicas para garantir a compatibilidade das novas instalacións co actual uso do recinto. Cómpre salientar, ademais, que as pistas cubertas con peralte hidráulico axustable poden subirse e baixarse automaticamente nun período de tempo ao redor dos cinco minutos.

Artigos relacionados

Back to top button