ConcellosPetínÚltima hora

Portela de Portomourisco (Petín), entre as 4 zonas ourensás nas que se prevé decretar concentración parcelaria

As outras 3 estarán localizadas nos concellos de Baños de Molgas, Rairiz de Veiga e Vilardevós

Imaxe de Portela de Portomourisco./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

A Consellería do Medio Rural prevé decretar un total de 23 novas zonas de concentración ao longo deste ano 2022 en Galicia, das cales catro estarán localizadas na provincia de Ourense. Así, estas sete novas parcelarias suporán a reorganización de case 2.000 hectáreas de superficie, distribuídas en preto de 13.500 parcelas propiedade duns 2.800 veciños. En concreto, decretaranse nos concellos de Petín (zona de Petín, Portela de Portomurisco), Rairiz de Veiga (zona de Rairiz de Veiga), Vilardevós (zona de Soutochao) e Baños de Molgas (zona de Almoite).

Estas zonas formarán parte das 23 novas zonas que se decretarán ao longo deste ano en toda Galicia e que suporán a reorganización de 19.394 hectáreas de superficie, distribuídas en 99.340 parcelas propiedade de case 14.000 veciños. Así, ademais das catro localizadas na provincia de Ourense, 6 estarán na da Coruña, 7 na de Lugo e 6 na provincia de Pontevedra.

Estes 23 novos procesos sumaranse ás cinco parcelarias decretadas o pasado ano, as primeiras desde a entrada en vigor da Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia. Desta forma, entre os anos 2021 e 2022 decretaranse 28 novas reestruturacións parcelarias, que abarcan un total de 23.613 hectáreas e 107.655 parcelas de máis de 15.500 titulares.

Así mesmo, cómpre matizar que a Consellería do Medio Rural está estudando outro cento de solicitudes para novas parcelarias, tendo en conta o peso do sector agropecuario da zona, se as explotacións mostran interese nesa reestruturación do territorio e a viabilidade do propio proceso en termos medioambientais, entre outras cuestións a ter en conta.

Doutra banda, a Xunta está traballando arreo para finalizar os 91 procesos de concentración parcelaria que están abertos a día de hoxe na nosa comunidade. Neste senso, cómpre destacar que en 55 deles, é dicir no 60%, os veciños xa están usando as novas parcelas resultantes. Para iso, o Goberno galego destina un orzamento de 12 millóns de euros en 2022, cifra que alcanza os 118 millóns de euros desde o ano 2009.

Artigos relacionados

Back to top button