SanidadeÚltima hora

Premio nacional á mellor iniciativa para os pacientes ao protocolo de sensibilidade química de Ourense

Liderado polas áreas de Calidade e Atención ao Paciente foi clave a participación dos propios pacientes e de profesionais de urxencias, anestesia, UCI, consultas, medicina preventiva, admisión, atención primaria, farmacia e limpeza

 

A implantación no Hospital Universitario de Ourense dun protocolo para facilitar a atención sanitaria ás persoas con sensibilidade química múltiple no seu paso por este centro sanitario, limitando ao máximo a súa exposición, foi recoñecido pola Plataforma de Organizacións de Pacientes (POP), premian ás mellores iniciativas que redunden na mellora da calidade de vida dos pacientes nos distintos ámbitos e niveis dentro do Sistema Nacional de Saúde.

O proxecto “Humanizar e mellorar a atención sanitaria de persoas con sensibilidade química múltiple” foi elixido como a mellor iniciativa na categoría de planificación, na que se valora especialmente a participación activa dos pacientes. No resto de categorías convocadas, tamén foron premiados, onte en Madrid, na sede da Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios (AEMPS), o Hospital Universitario Vall d’Hebrón de Barcelona, o Hospital Universitario “La Princesa” de Madrid, a área sanitaria de Bilbao-Basurto (OSI Bilbo-Basurto) e o Centro de Esclerose Múltiple de Cataluña (Cemcat).

Á entrega de premios asistiron, en representación do hospital, Rebeca Gómez Espinosa e Belén Piñeiro Bóveda, da Área de Calidade de Enfermería e a xefa do Servizo de Atención ao Paciente e Humanización da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, que lideraron a adaptación e posta en marcha dun plan de atención integral aos pacientes afectados por Sensibilidade Química Múltiple cando acceden ao hospital.

Para poñelo en marcha foi clave a participación dos propios pacientes e o compromiso e sensibilidade dun equipo de traballo multidisciplinar, formado por profesionais dos Servizos de Urxencias, Anestesia e Reanimación, Medicina Intensiva, Medicina Preventiva, Atención Primaria, Admisión e Farmacia, así como das áreas de consultas externas e limpeza.

Sensibilidade Química Múltiple

A Sensibilidade Química Múltiple (SQM) é un trastorno da resposta fisiolóxica fronte a unha multiplicidade de axentes e compoñentes, que se atopan no medio ambiente, como alimentos ou mesmo medicamentos. Na actualidade, non existe un tratamento concreto para tratala, pero si se poden mellorar e controlar os síntomas mediante o control ambiental, e dicir, evitando ou limitando ao máximo a exposición a produtos aos que o paciente sexa hipersensible.

A necesidade da creación deste protocolo de actuación, xurdiu tras coñecer a problemática de un paciente afectado por este trastorno, no seu paso polo hospital para ser atendida, polo que tras escoitar as súas propostas, a xefa de Servizo de Atención ao Paciente e Humanización, Belén Piñeiro, e as enfermeiras responsables da Área de Calidade da Dirección de Enfermaría, Rebeca Gómez Espinosa e Miriam Vázquez Campo, se propuxeron dar resposta a esta necesidade, creando un grupo de traballo para facelo posible.

Para elo adaptáronse a nivel local as liñas de traballo recollidas polo Servizo Galego de Saúde, desenvolvidas xusto antes do inicio da pandemia, implementando estratexias de mellora deseñadas cos propios pacientes, achegándose as persoas con Sensibilidade Química Múltiple da Área Sanitaria, e as súas vivencias e experiencias, a través de entrevistas con todos eles.

Despois dunha exhaustiva revisión bibliográfica, as distintas fontes resaltan a importancia dunha atención sanitaria libre de fragrancias e produtos químicos, tanto no ambiente como nos propios profesionais e unha atención individualizada, atendendo aos produtos específicos que lles causan esas reaccións, para limitar esta exposición e poder avisar ao persoal implicado na súa asistencia, e hixienizar conforme a estes principios os espazos de paso e atención, desenvolvéronse alertas informáticas nos aplicativos de xestión de citas e ingresos, e establecéronse distintos circuítos de comunicación.

 

 

Dos pacientes para os pacientes

A participación dos pacientes nos sistemas sanitarios converteuse nunha das principais claves para o cambio dos modelos de planificación, atención e avaliación no ámbito sanitario. Por iso, os Premios POP recoñecen ás mellores iniciativas desenvolvidas en España por organizacións sanitarias, públicas ou privadas, que conten ou contasen coa participación dos pacientes.

Cabe destacar que as iniciativas e proxectos que se presentaron a esta convocatoria tiveron que ser postas en marcha e realizadas ao longo do últimos tres anos; é dicir, entre xaneiro do 2019 e marzo de 2022.

O xurado estivo formado polas 33 organizacións membros e a Xunta Directiva da Plataforma, que avaliaron as numerosas iniciativas presentadas, de acordo con diferentes criterios: Que obxectivos persegue incluír aos pacientes na iniciativa; se a participación é puntual ou permanente (continuada no tempo); como se realizou a participación (detalle de actividades levadas a cabo),e por último que impacto e aprendizaxes se desprenden.

Artigos relacionados

Back to top button