CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

Presentación do novo Premio Morales para a Promoción do Galego no Bierzo

Trátase dunha iniciativa destinada aos 19 centros de ensino do galego de León e Zamora

En rolda de prensa dábanse a coñecer na mañá do 9 de marzo en Vilafranca (León) os detalles do novo Premio Morales para a Promoción do Galego no Bierzo, unha iniciativa destinada aos 19 centros de ensino do galego de León e Zamora: 8 CEIP, CRA e IES; ademais da Escola Oficial de Idiomas (EOI) de Ponferrada. Entre os asistentes a este acto estaba o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

Canda el estaban a subdirectora xeral de Política Lingüística, M.ª Lourdes Batán; o rexedor vilafranquino, José Manuel Pereira; o coordinador da Comisión Cultural Martín Sarmiento, Héctor M. Silveiro; o director xeral de Recursos Humanos da Consejería de Educación, Jesús Hurtado; o presidente do Consello Comarcal do Bierzo, Gerardo A. Caurel; o presidente do Grupo As Médulas, Manouel González; e a vicetesoureira do Instituto de Estudos Bercianos, Ana Carballo.

No marco da X Xornada Martín Sarmiento, organizada pola Comisión Cultural Martín Sarmiento, en colaboración coa Xunta de Galicia e a Junta de Castela e León, convócase o galardón “Premio Morales para a Promoción do Galego no Bierzo. Tras os pasos de Morales: os magostos”, co que se quere poñer en valor a figura do autor Antonio Fernández Morales e ao que poderán concorrer, en tres categorías diferentes, os 19 centros de estudo do galego desta área galegofalante.

Así, á categoría A (Debuxando o poema), poderá presentar o seu traballo calquera alumno ou alumna de ensino infantil ou primario; á B (Contando, poetizando e dramatizando o poema) poderá concorrer o alumnado de ESO e bacharelato; e á C (baixo o mesmo título que a anterior) o alumnado a partir de 18 anos que curse estudos, ben de galego, ben de portugués na EOI ponferradina. En todos os casos o alumnado participante debe estar adscrito ao programa e as creacións seren inéditas, orixinais e inspiradas no poema “Os magostos” do devandito autor berciano.

A iniciativa conta tamén coa colaboración do Consejo Comarcal de El Bierzo, do Instituto de Estudos Bercianos, do Grupo As Médulas, da Real Academia Galega e de Edicións Positivas. O prazo de presentación de propostas rematará o 21 de xuño de 2018.

Artigos relacionados

Back to top button