CulturaCulturaEducaciónMúsicaÚltima hora

Preséntanse os vídeos do proxecto “O poeta que baila”, que pon música a versos de Florencio

Trátase dunha iniciativa na que traballa dende o pasado curso o alumnado do IES do Milladoiro e do IES Marco de Camballón en colaboración con diversos artistas

 

O Auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acollerá o vindeiro mérdores 21 de decembro unha gala na que se persentarán os vídeoclips do proxecto “O poeta que baila”, no que vén traballando no pasado curso e no actual o alumnado do IES do Milladoiro e do IES Marco do Camballón de Vila de Cruces. Os vídeos foron elaborados, a partir de dous poemas do valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán, aos que lle puxeron música as comunidades educativas dos dous centros de ensino.

O evento incluirá tamén unha serie de actuacións do alumnado de ambos centros unindo música, danza e palabra baixo un mesmo propósito solidario: xuntar productos de nadal para o banco de alimentos do Concello de Ames.

O proxecto “O poeta que baila” pretende achegarse e “dar a coñecer a vida e obra do poeta homenaxeado o Día das Letras Galegas 2022, vinculando os seus valores aos valores da xuventude galega do século XXI” para iso “xira arredor do baile, a música, a literatura e a lingua, coa finalidade de ligar lingua, música e xente nova”. Esta iniciativa lograba o Premio á Innovación Educativa en Normalización Lingüística no 2022.

A presentación destes dous vídeos musicais supón a parte final do proxecto. Así, por unha banda, dende o IES Milladoiro púxoselle música ao poema “Sede na nova Galiza” nun proceso creativo conxunto co alumnado do “Colectivo Euterpe” e artistas como Xurxo Souto (encargado de enxarmar a melodía), Lola de Ribeira (voz e percusións), o valdeorrés Ricardo Gurriarán (emocións e voz) e Richi Casás (saxo). O vídeo-clip foi dirixido pola artista Antía Ameixeiras e coregrafiado polo corpo de baile do noso alumnado. Unha rancheira-galega achegada ao paso dobre para danzar coa poesía cautivadora de Florencio Delgado Gurriarán.

Ademais, no IES Marco do Camballon de Vila de Cruces foi musicado o poema “Pandeirada” nun proceso conxunto entre o músico Xabier Díaz e alumnado e profesorado do instituto. O poema representa unha foliada con adufes e pandeiretas e outros instrumentos e o vídeo, dirixido por Nerea Fiúza, protagonízao un baile tradicional coreografiado polo alumnado das Cruces.

“Florencio Delgado Gurriarán (Córgomo, Vilamartín de Valdeorras, 1903-1987) é autor dunha obra literaria que nos axuda e coñecer unha época histórica e a súa poesía ábrenos portas para nos coñecer a nós mesmas. A través de diversos materiais e actividades descubrimos a Florencio e a súa obra, aproveitando para coñecer e bailar a música e o baile tradicional e as relacións entre a música latina e a música galega actual”, aseguran os promotores da iniciativa.

Así mesmo, destacan que “máis alá do coñecemento da súa obra, quixemos activar unha sensibilidade cara ao propio sentido lúdico e festivo da poesía de Florencio, ademais dun sentido crítico sobre a súa vida e produción literaria. Por iso entre as propostas deste proxecto ocupan un lugar fundamental accións e actividades prácticas, sociais, de dinamización do alumnado nos centros de ensino e, de forma colectiva, através das redes sociais. Mais, sobre todo, actividades vividas cos nosos corpos, en grupo, en comunidade, persoalmente. Quixemos unir a poesía e a festa através do baile, na procura de experiencias reflexivas e emocionais dentro e fóra das aulas”.

Artigos relacionados

Back to top button