Nesta tarde de 5 de agosto presentábase no Centro Sociocomunitario de Vilanova a novela “Ultreya et Suseya, por el Camino de Invierno”. Os encargados deste acto eran dous dos seus autores, Antonio Castro Voces e David Vázquez Álvarez, xa que faltaba Patricia Fernández.
Así, esta actividade, enmarcada na XXVI Semana Cultural organizada pola Asociación Mosteiro de Vilanova, comezaba ás 20:30 horas coa presentación da Xunta Directiva. Agradecían o apoio dos veciños, da Deputación de Ourense, do Concello do Barco, e do presidente do Instituto de Estudos Valdeorreses, Aurelio Blanco Trincado.
Pola súa banda, Antonio Castro Voces comezaba a súa intervención agradecendo a invitación da Xunta Directiva da asociación. “Levo sete anos asistindo a esta semana, é un privilexio que a asociación leve existindo 26 anos”, afirmaba. Ultreya e Suseya, era o saúdo dos peregrinos cando se encontraban, explicaba, “nós non queríamos facer un libro normal, senón que queríamos enlazar a realidade e a ficción para facerlo máis atractivo”.
A presentación desta novela, que conta a historia de amor de Breixo e Fronilde no marco do Camiño de Inverno a Santiago e da misteriosa desaparición do Codex Bergidensis Iorrensis, continuaba cunha proxección que recreaba precisamente o percorrido visual e sensorial por esta ruta xacobea que atravesa a comarca de Valdeorras.
David Vázquez proseguía explicandolle aos asistentes a temática do libro, para rematar fóra do Centro Sociocomunitario de Vilanova, cunha pinchada para todos os asistentes.
Texto: Alba Prada
Fotos: Carlos G. Hervella