En portadaÚltima hora

Publícanse os tipos de axudas para repoñer explotacións agrícolas, gandeiras e forestais danadas polos incendios

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural coa convocatoria e as bases destas achegas, que forman parte do paquete de 9 millóns de euros anunciado esta semana no Consello da Xunta

Publicidade
Un dos colmeares afectados polo lume destes días en Valdeorras./ Foto: O SIL.

 

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica neste venres 29 de xullo a correspondente orde coas bases e a convocatoria, que forma parte do paquete de 9 millóns de euros anunciado esta semana no Consello da Xunta para facilitar a reparación dos danos orixinados polos lumes.

No caso das explotacións forestais, subvencionarase -por un lado- a reposición das infraestruturas privadas situadas en terreos forestais e a maquinaria e equipamento danados como consecuencia dos labores de extinción dos incendios e -polo outro- a madeira amoreada queimada e de corta, recollida e esteladura da madeira queimada non comercial xunto aos traballos de sinalamento, cubicación e/ou taxación de madeira comercial en montes sen xestión pública nas zonas afectadas polos lumes. No que atinxe ás explotacións agrícolas e gandeiras, as axudas cubrirán a reposición dos bens, equipamentos, maquinaria, medios de produción, producións e gando ou colmeas danados, así como a subministración de alimentación complementaria de gando ou colmeas nas zonas afectadas polos incendios.

O orzamento total para estas axudas será de 4 millóns de euros, 2 millóns para as explotacións forestais e outros 2 millóns para as agrícolas e gandeiras. No relativo ás primeiras, destinaranse 750.000 euros neste ano 2022 e 1.250.000 euros no 2023, mentres que no das segundas o presuposto será de 1.500.000 euros neste ano e 500.000 euros no 2023.

 

 

As axudas tramitaranse en réxime de concorrencia non competitiva, cuns límites máximos que están fixados na convocatoria segundo o tipo de beneficiario. Estes topes oscilan entre os 3.000 euros (para cubrir os custos de alimentación de gando) e os 50.000 euros (para a maquinaria forestal danada en tarefas de colaboración na extinción dos lumes).

O prazo para a presentación de solicitudes será de dun mes contado a partir do día de mañá, 30 de xullo. No relativo á xustificación das axudas, o prazo para executar e xustificar as achegas concedidas para a reposición de explotacións forestais remata o 15 de novembro de 2022 para os gastos e investimentos deste ano, e o 31 de xullo de 2023 para os correspondentes ao ano próximo. Mentres, o prazo para executar e xustificar as axudas concedidas para a reposición de explotacións agrícolas e gandeiras remata o 15 de novembro de 2022 para os gastos e investimentos deste ano, e o 28 de abril de 2023 para os correspondentes ao ano que vén.

Enlace á orde no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220729/AnuncioG0426-280722-0005_gl.html

Artigos relacionados

Back to top button