OurenseÚltima hora

O Pulpo Extreme leva a adrenalina do descenso ao Casco Vello de Ourense

A competición será este sábado, 9 de setembro, cara ás cinco da tarde, pero os adestramentos libres arrancarán ás 10:00 horas
O circuito estará cheo de saltos e baixadas extremas.

O Casco Vello de Ourense vaise converter este sábado nun circuíto de descenso urbano xa que acollerá a primeira competición do Pulpo Extreme, o “Descenso Urbano- Mercedes Benz (DHU). Este evento de apertura abrirá a segunda edición deste campionato de deportes extremos.

O percorrido arrancará dende o colexio Carmelitas, preto de San Francisco, ata as Burgas, e pasará pola Praza Maior. Pero no seu transcurso os competidores vanse atopar saltos, baixadas de escaleiras, muros de pedra e rúas estreitas. As apuradas de freada ao límite ou saltos artificiais creados para a ocasión serán os elementos que porán adrenalina á competición.

O percorrido arranca en Carmelitas e remata nas Burgas.

Os adestramentos libres arrancarán ás 10:00 e rematarán ás 14:00 horas. Seguidamente, cara ás tres da tarde, será a manga clasificatoria, que rematará ás 16:30 horas. A final disputarase entre as 17:00 e as 18:30 horas. A entrega dos premios será na Praza Maior ás 19:00 horas.

Dende o Concello de Ourense animan aos veciños e visitantes da cidade para que aproveiten “esta oportunidade de contemplar unha actividade única e espectacular que encherá de vida as rúas e prazas do Casco Vello da cidade”.

Indoor

O Pulpo Extreme continuará coas probas indoor os días 28, 29, 30 de setembro de 1 de outubro en Oira. No polideportivo municipal celebraranse as probas de skate, roller, quad, BMX, scooter, graffiti, breakdance e Djing. Este certamen sitúa a Ourense no circuíto nacional de festivais de cultura urbana e deportes extremos. Na primeira edición deste certame, achegáronse 17.000 persoas a presenciar as probas nas que participaron 150 deportistas e afeccionados a estas disciplinas.

Artigos relacionados

Back to top button