
Tres novas catas de iniciación de viños da Ribeira Sacra nas provincias de Lugo e Ourense. As accións formativas están previstas o mércores 6 de outubro na Casa do Concello de Quiroga, ao día seguinte, na Casa da Cultura da Pobra do Brollón e o xoves 14 na Casa da Cultura da Teixeira. Nos tres casos celebraranse en xornada de tarde, en horario de 17,30 a 21,30 horas. A iniciativa será promovida pola Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal).
“O obxectivo principal deste curso é proporcionar coñecementos básicos de enoloxía e viticultura aos asistentes, ademais de ensinarlles as habilidades básicas da cata de viños para que saiban distinguir os atributos positivos dos negativos e ter un vocabulario acorde a este tipo de prácticas”, segundo a organización.
Así, o programa recolle unha parte teórica centrada nas peculiaridades das subzonas da Ribeira Sacra, pasando polas distintas tipoloxías de viño, a súa maduración e mesmo o seu etiquetado. Seguidamente, combinarase unha parte práctico-teórica sobre as distintas fases que compoñen unha cata, centradas nas parte visual, olfativa e gustativa.
Máis información: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas