SanidadeÚltima hora

Reactivación asistencial nos centros de saúde da provincia

Só se realizarán as consultas presenciais imprescindibles e sempre por indicación dos profesionais tras unha valoración telefónica previa

Exterior do Centro de Saúde do Barco.

 

Os 106 Centros de Saúde e consultorios de Atención Primaria, e desde esta tarde os 14 Puntos de Atención Continuada de Ourense inician neste luns 11 de maio a reactivación progresiva da súa actividade habitual, nunha “fase inicial marcada pola prudencia na que se mantén a priorización da atención telefónica, con citas presenciais só naqueles casos imprescindibles, e sempre por indicación nunha consulta telefónica, segundo a Consellería de Sanidade.

Como norma xeral, nos accesos aos centros mantense as medidas de protección dos pacientes fráxiles ou máis vulnerables, “evitando que coincidan con outras persoas e, aglomeracións que podan favorecer os contaxios tanto de usuarios como profesionais, co que ademais manteranse os dobres circuítos de acceso separados pola presenza ou non de síntomas de infección respiratoria, como ata agora, habilitando na medida do posible diferentes entradas para nenos e adultos”, di Sanidade. Nesta primeira etapa de reactivación asistencial a atención primaria ten “un papel clave, orientado á detección precoz de casos, ao seu manexo e seguimento, así como á prevención da infección. Para elo os médicos de familia contarán cun circuito rápido que permitirá dispoñer dos resultados das probas diagnósticas de COVID_19 que soliciten en non mais de 24 horas”.

Neste senso, dende hoxe aumentan os equipos de recollida de mostras da Área Sanitaria de Ourense coa posta en marcha dun segundo punto fixo AutoCov, anexo ao existente no Santa María Nai, nos que os usuarios non teñen que baixarse do coche, que se complementará nos próximos días cun novo equipo de procesado de mostras de PCR automatizado que permitirá duplicar a capacidade diagnóstica.

 

Centro de Saúde da Rúa. /Foto: Carlos G. Hervella.

 

Ao mesmo tempo, seguirase a potenciar a consulta telefónica, e a citación presencial “axustarase a minimizar a súa coincidencia, tanto nas salas de espera e zonas comúns como nos propios medios de transporte público. Por elo cada servizo de atención primaria estimará o aforo máximo dos centros, para facilitar que se manteñan as distanzas de seguridade. Para elo a medida que se avance na reactivación, as axendas de citación terán en conta este criterio”, indica o Sergas.

Xunto a elo continuarán a desenvolverse iniciativas de “control e seguimento proactivo, para detección precoz de síntomas compatibles coa Covid_19 ou reagudización de pacientes crónicos, unido á potenciación da atención domiciliaria, especialmente daqueles pacientes máis fráxiles ou vulnerables, tanto a través da visita domiciliaria, como da plataforma de teleseguimento TELEA, instrumento clave nestes meses para o control dos pacientes positivos a Covid con menor compromiso de saúde”, matiza Sanidade.

Igualmente continuarase a potenciar a contestación directa desde os centros de saúde das chamadas telefónicas -evitando a entrada dos sistemas automáticos- co obxectivo de incrementar a consulta en modalidade non presencial e evitar que os cidadáns teñan que acudir ao centro para a solicitude de cita.

Autonomía e capacidade organizativa dos Centros de Saúde

Cada Centro de Saúde conta con dous responsables da xestión do coronavirus, formados por un profesional médico e outro de enfermería, que manterán un contacto directo coa dirección da Área Sanitaria, como canle principal para a transmisión de información, necesidades formativas ou de material de todo tipo, tanto de hixene como de protección individual dos traballadores ou métodos barreira para usuarios ou persoal.

Igualmente, mantendo o establecido nesta etapa previa, todos os centros dispoñen dun equipo coordinador ou referente para a atención, control ou orientación das Residencias Sociosanitarias ou vivendas comunitarias existentes nos seu ámbito de referencia ou concello, para detectar precozmente calquera signo de alarma.

Reactivación da Atención pediátrica

Na medida do posible, ante a gran variabilidade de centros, a súa estructura e tamaño, procurarase que os nenos e nenas en idade pediátrica, ata os 14 anos, teñan unha entrada ao centros e acceso a consulta separado da dos adultos, habilitando cando non sexa posible algunha barreira física de separación entre poboación pediátrica e adulta, especialmente en áreas comúns.

Do mesmo xeito que coa adultos manterase un doble circuito cos rapaces que acudan con síntomas respiratorios, afastados polo menos dous metros do resto de pacientes, sendo recomendable o uso de máscara (sempre que sexa posible en función da súa idade). O uso destas máscaras non está recomendado nos nenos menores dun ano, polo que estes deberán manterse nos seus carros ou no seu defecto en brazos dos coidadores. En caso de nenos con síntomas de sospeita, seu acompañante tamén deberá usar máscara, e realizar -e axudar aos nenos a realizar- unha adecuada hixiene de mans.

De momento e previsiblemente ata finais do mes de maio, realizaranse os controis de saúde ata os 12 meses de idade, demorando, de ser posible, os controis en nenos de máis idade, reanudándose progresivamente os controis, priorizando as vacinas. Primeiro os dos 3 e 14 anos e a continuación os dos 6 e 12 anos.

Medidas xerais no acceso aos centros de saúde
– Os pacientes deberán acudir sós e, só en caso de menores ou dependentes cun único acompañante.
– Preceptiva realizar a hixiene de mans á entrada ao centro e uso de máscara cando este indicada ou de non ser posible a distanza interpersoal de seguridade (2 metros).

Artigos relacionados

Back to top button